As mulleres celadoras son maioría na Área Sanitaria

Publicidad

O 5 de novembro conmemórase o Día do Celador

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras o 57% “dos celadores” son mulleres, unha profesión eminentemente masculina hai tan só uns anos e que medrou da man dos hospitais públicos, que pese a elo non incorporaron mulleres a estas funcións ata mediados dos 80 nos hospitais de Ourense e Valdeorras e ata o 2005 no de Verín.

A conmemoración en Ourense do Día do Celador, que se celebra mañá, día 5 de novembro, recolle esta realidade histórica e agradece o papel das pioneiras que abriron camiño nesta profesión que acompaña ao paciente no seu paso polo hospital, a entrada en urxencias, nos traslados a quirófano ou realización de probas no ingreso, as veces cando se vai de alta a casa e incluso cando a vida o abandona.

Nun sinxelo acto celebrado hoxe no Ágora do Hospital Universitario de Ourense, Daniel Martinez de Arribas, celador e xefe de persoal subalterno, destacou o papel desempeñado polas pioneiras da súa profesión e destacou o importante cambio da profesión nestes máis 50 anos de traxectoria nos que os e as celadoras pasaron dunha función de control de accesos para centrarse en labores cada vez máis de atención ao paciente.

Publicidad

Ademais do seu traslado dentro dos centros sanitarios, os e as celadoras tamén axudan na mobilización ou inmobilización necesaria para determinadas probas, colaboran no coidado e aseo diario dos pacientes encamados con mobilidade reducida, e realizan labores específicas en quirófanos, salas de radioterapia, loxística, etc.

Das pioneiras á maioría

A pioneira das celadoras en Ourense foi María del Carmen Sánchez Gallego, que se incorporou en xuño de 1985 a entón Residencia Nosa Señora do Cristal, e actual Hospital Universitario, traballando como celadora durante vinte anos ata a súa xubilación. Tivo que transcurrir todo un ano ata a incorporación dunha muller a estas funcións, cando, en xuño de 1986, comeza a traballar como celadora no Hospital Público de Valdeorras, Elisa López Redondo, que continúa traballando a día de hoxe no centro, agora como enfermeira.

Publicidad

Para a incorporación da muller á profesión de xeito regrado, deberon transcurrir vinte anos desde a apertura da “Residencia Sanitaria”, en 1969. Será mediante unha convocatoria pública de emprego do Insalud, en 1989, cando se incorporen en Ourense as oito primeiras celadoras, estreando tamén a transferencia ao recén creado Servizo Galego de Saúde.

No Hospital Público de Valdeorras a incorporación da muller foi máis precoz, sumando a súa primeira celadora aos cinco anos da súa posta en marcha en 1981, sumándose dúas mais en 1987.

No Hospital Público de Verín o seu acceso foi tardío, non sendo ata 2005 cando se incorporan as dúas primeiras celadoras, desde a súa posta en marcha en 1993.

Coa estrea de século a profesión comeza un camiño imparable cara a súa feminización, superando os recelos ainda visibles nos anos 90 que identificaban como imprescindible a forza.

No acto de homenaxe tamén estiveron presentes as responsables da Dirección de Recursos Económicos e Humanos da Área Sanitaria, Dolores Durán e Ines Garrido, os dous departamentos dos que os 479 profesionais que traballan na actualidade como celadores dependeron, celebrando o papel da muller e destacando ambas o papel de proximidade co paciente e o valor intanxible da humanidade no seu desenvolvemento profesional.