A concelleira de Cultura presentou un campamento en galego para nenas e nenos do 30 de marzo ao 1 de abril
O Barco de Valdeorras acollerá do 30 de marzo ao 1 de abril un campamento en galego para nenas e nenos de 5 a 12 anos: «Coñecer a maxia de Galicia», unha experiencia presentada por Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura, subtitulada «Galego en modo on» para promover o coñecemento e a fala do galego. Conta con 20 prazas, o custo é de 30 euros por participante e desenvolverase de 9,00 horas da mañá a 14,00 horas. O prazo está aberto ata o 27 de marzo.
Margarida Pizcueta presentou este campamento en galego «coa esperanza de que sexa un virus que infecte a outros concellos que queiran copiar a idea, que os nenos se poñan en modo ON no galego. Queremos que este modelo se repita e se replique».
«Se non facemos nada, o galego vai ser unha lingua morta e como din os membros da Real Academia Galega é momento de virar o rumbo, porque si non o viramos, a nosa lingua está tocada e afundida como o Titanic».
«Estou farta de que cando me escoitan din: Ti eres do Bloque. Pois non, son galega. A lingua non me pon en ningunha posición nin extremista nin ideolóxica. Unha lingua é unha lingua. Para min é o valor máis grande que temos. A lingua é identidade e a identidade é a lingua», expresou.
Lembrou ao seu avó, que falaba en galego e que «me permitiu entrar no galego con facilidade». Citou o último estudo feito en case 90.000 fogares polo Instituto Galego de Estadística que da uns datos. Por primeira vez se constatou o descenso do coñecemento e falantes «é bestial. Tres veces menos que hai uns anos».
Mostrou o seu desacordo coas políticas de «bilingüismo armónico da Xunta, en lugar de facer que o galego non se perda e non perda falantes. Non están facendo nada aínda que se lles tirou das orellas, incluso desde Europa».
Sinalou que no Barco se leva un ano creando un campamento en galego, unha experiencia piloto para facer unha inmersión lingüística en galego, lingua que «antes se mantiña nas familias, pero agora eso é complicadísimo porque cada vez estamos máis castelanizados».






