Gargallada Teatro estreará en setembro a nova obra de Gustavo Docampo, Pardais e Falcóns

Publicidad

Porase en escea o 2 e 3 de setembro no Castro

«Pardais e falcóns” é a nova obra de Gustavo Docampo que porá en escea Gargallada Teatro o 2 e 3 de setembro, as 22,00 horas, na praza da fortaleza da vila do Castro (O Barco). A estrea presentouse hoxe no salón multiusos do Barco ca presenza da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta; actores da compañía local, Manuel González e Álvaro Baños e o artista que deu vida a escenografía e ao deseño gráfico, Luis Enrique Rodríguez Arias (“Coquixo”).

Manuel Caramés será a persona que dirixirá a obra.

Gustavo Docampo inspirouse no xacemento prerromano do Castro, descuberto en 2012 no entorno torre medieval. Preparando os textos informativos para o visitante dese entorno, observou que podía desenvolver un proxecto teatral.

Publicidad

“Lin a memoria arqueolóxica de Santiago Ferrer, falei moito con el e alí vin que había material, dende un punto de vista teatral, para achegar a historia á xente coa ferramenta do teatro. Logo relín un pequeno libro de Antonio Castro Voces que condensaba información doutros tratados máis amplos sobre o Castro e a súa fortaleza. E logo está a propia praciña que quedou alí onde hai un poboamento castrexo e romano igual merecía algún tipo de representación. E aí empezou a cabeza a funcionar”, expresou.

Gustavo Docampo explicou que obra consta de dez escenas, dende os tempos dos romanos ata a revolución liberal, con referencias atemporais aos problemas da condición humana e das relacións sociais «que poden producirse en tempos pasados pero que tamén as recoñecemos hoxe perfectamente», puntualizou.

Terá dous personaxes centrais, «unha especie de xograres ou de trovadores, que fan as súas intervencións en verso, como unha especie de chiscadela ao teatro clásico e para darlle tamén un certo tono de humor, porque ás veces a historia ten un aquel de trascendencia moi serio. E tamén se trata de escapar desa visión plana da historia, branco e negro, de bos e malos, hai situacións complexas e actitudes, e persoeiros da historia que teñen varias caras”.

Pola súa banda, Manuel González, dixo que é unha proposta para toda a comarca de Valdeorras, que achega o coñecemento da historia local de forma sinxela e interesante. Agradeceu a implicación do Concello e da Deputación de Ourense e tamén de Gustavo Docampo e Caramés. Tamén suliñou o traballo de Coquixo.

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, lembrou que é a terceira obra de teatro de Gustavo Docampo, teatralizando momentos da historia de Valdeorras centrados no Barco. Lembro Polos Camiños do Tempo e «A ponte afogada».