O Hospital de Valdeorras incorporará 16 facultativos en 11 especialidades

Publicidad

No conxunto de Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco son 35

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área, das que 35 delas corresponden a área sanitaria ourensá.

Esta incorporación de médicos especialistas é resultado dunha oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde co obxecto de conseguir a incorporación estable de persoal médico nos hospitais dos distritos sanitarios de Verín, O Barco de Valdeorras, Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, e poder incrementar o número de programas do Servizo Galego de Saúde no ámbito da saúde mental incorporando facultativos especialistas de área de Psiquiatría e Psicoloxía Clínica.

No que respecta á Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras foron adxudicadas un total de trinta e cinco novas prazas das que dezaseis corresponden ao Hospital Público de Valdeorras, catorce ao Hospital Público de Verín e as cinco restantes ao Hospital Universitario de Ourense. Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a partir de hoxe, para incorporarse de modo efectivo e permanente no destino elixido e adxudicado e terán a obriga de permanecer dous anos no centro elixido e adxudicado como destino nesta resolución.

Publicidad

Das dezaseis prazas adxudicadas ao Hospital Público de Valdeorras está prevista a incorporación de dous facultativos por cada unha das seguintes especialidades: cirurxía xeral e aparello dixestivo, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina interna e obstericia e xinecoloxía. Se incorporará un facultativo aos seguintes servizos: dermatoloxía, endocrinoloxía e nutrición, microbioloxía, oftalmoloxía, otorrinolaringoloxía e radiodiagnóstico.

Das catorce prazas adxudicadas ao Hospital Público de Verín catro corresponderán ao servizo de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, tres para a especialidade de cirurxía xeral e aparello dixestivo, tres para medicina interna, e unha praza para as especialidades de análises clínicas, , endocrinoloxía, oftalmoloxía e reumatoloxía.

No que respecta ao Hospital Universitario de Ourense incorporaranse cinco novos especialistas no ámbito da saúde mental incorporando catro facultativos especialistas de área en psicoloxía clínica e outro en psiquiatría.

Polo tanto as especialidades que incorporan máis facultativos en toda a área sanitaria ourensá serán as de medicina interna e cirurxía xeral e dixestiva con cinco especialistas cada unha, catro corresponderán a cirurxía ortopédica e traumatoloxía e outros catro a psicoloxía clínica. As especialidades que incorporan dous facultativos serán endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía. E por último haberá un especialista  para análises clínicas, dermatoloxía, microbioloxía, psiquiatría, radiodiagnóstico e reumatoloxía.

Os especialistas nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada, é dicir, ata o 23 de maio. O Sergas ten previsto un procedemento para que, se algún facultativo non se incorpora, se poida seleccionar a novos aspirantes.

Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse, en outubro de 2022, a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. O acceso sen proba de exame, resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.