Córgomo será a capital das Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán

Publicidad

A Real Academia Galega presentou a programación do ano de Florencio e celebrará o pleno do 17 de maio na terra natal do autor

A Real Academia Galega celebrará as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) cunha programación que foi presentada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. A Academia celebrará a sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio en Córgomo, a aldea onde naceu o autor e da que tomou un dos seus alcumes, Corgomófilo. Os discursos correrán a cargo da académica Rosario Álvarez e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero.

No outono, como é tradición, terá lugar o Simposio das Letras Galegas, onde especialistas dende a filoloxía á historia presentarán investigacións con novas olladas ao universo do poeta valdeorrés.

No acto de presentación interviñeron Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar do homenaxeado; e Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio, que lle agradeceron á RAG que se fixese eco da reivindicación da sociedade valdeorresa dedicándolle o vindeiro 17 de maio ao autor de Córgomo (Vilamartín).

Publicidad

O acto contou ademais coa presenza das académicas da comisión executiva da RAG, Margarita Ledo, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; o alcalde e a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez e Margarita Pizcueta Barreiro; e o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado.

O presidente da RAG gabou o gran labor de recuperación da figura de Delgado Gurriarán que desenvolveron Ricardo Gurriarán e os promotores do proxecto as Letras de Florencio, que culminará nestas Letras Galegas 2022, unha celebración, subliñou, na que a institución traballará arreo para facer chegar ás rúas a importancia da súa figura e de todo o que representa.

Publicidad

Farao cunha completa programación que se realizará co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, deputacións provinciais, concellos e a Fundación Barrié, entre outras entidades ás que lles agradeceu tamén a súa colaboración.

Ricardo Gurriarán puxo o acento na “integración” que Florencio Delgado Gurriarán concitou no exilio mexicano, no que foi “eixe vertebrador de todo tipo de actividades”,  e destacou tamén a súa aposta pola lingua galega máis alá da poesía, defendendo o seu uso en todos os eidos, dende a medicina ao dereito.

Pola súa banda, Débora Álvarez Moldes confiou en que as Letras Galegas 2022 sirvan tanto para revitalizar a figura de Florencio Delgado Gurriarán como para poñer en valor as terras de Valdeorras.

A RAG xa ten activada na súa páxina web, academia.gal, a sección das Letras Galegas 2022, que servirá de escaparate tanto para as iniciativas propias como doutras institucións e colectivos que traballen na divulgación do legado de Delgado Gurriarán. Neste espazo xa se pode ler a biografía do poeta asinada por Ricardo Gurriarán e tamén se comparten os primeiros episodios da serie de micropezas Polos vieiros de Florencio, da que se estreará cada semana un novo capítulo.

A citada serie permitiralle ao público ir achegándose a aspectos relacionados coa vida e coa obra do autor. Como sintonía conta cun tema de Aire!, o último disco do dúo Caamaño&Ameixeiras, dúas artistas novas que forman parte da escena que está a abrir camiños de futuro para a música tradicional.

O Portal das Palabras, a páxina web da RAG e a Fundación Barrié, acaba de estrear a súa sección das Letras Galegas 2022, onde xa están dispoñibles os primeiros contidos: tres xogos interactivos sobre o rico vocabulario da poesía de Florencio Delgado Gurriarán e un ‘Allos con bugallos’ sobre o léxico dos seus poemas mexicanos.

Xa no mes de marzo, a RAG presentará en Vilamartín de Valdeorras a última edición do proxecto para o público infantil Primavera das Letras, que inicia unha nova etapa da man da escritora Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e a ilustradora Blanca Millán.

No apartado de publicacións, a RAG ten previsto editar o discurso que Florencio Delgado Gurriarán deixou escrito para unha posible cerimonia, co gallo do seu nomeamento como académico correspondente, que non chegou a producirse; e a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle fixo en México, unha edición anotada da que se fará cargo Ricardo Gurriarán. O historiador tamén será o responsable dunha escolma da rica correspondencia do homenaxeado.

Por último, unha vez concluído o ano, o Boletín da Real Academia Galega recollerá as alocucións académicas do 17 de maio e os relatorios do Simposio Florencio Delgado Gurriarán.