A Xunta convoca 14 bolsas de formación nas oficinas de información turística

Publicidad

O Diario Oficial de Galicia publica as bases desta edición para a que Turismo de Galicia destina un total de 90.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria de bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes de Turismo de Galicia. Poderán ser beneficiarias 14 persoas que realizarán as súas prácticas nas oficinas de titularidade autonómica situadas en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela.

O programa formativo, para o que Turismo de Galicia destina preto de 90.000 euros, desenvolverase ao longo deste ano 2024 cunha duración máxima de seis meses. Ofrécense catro bolsas nas oficinas de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela (dúas na situada na rúa do Vilar e outras dúas na da rúa Carretas) e nas restantes cidades haberá dúas prazas en cada unha das oficinas de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

O prazo para solicitar a bolsa comezará mañá martes 19 de marzo e rematará o 18 de abril. Concederanse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o cumprimento dos requisitos e a valoración dos méritos e entrevista persoal. Como se indica no DOG, entre os requisitos, as persoas interesadas deberán estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos.

Publicidad

Méritos avaliables

Ademais, as persoas que soliciten estas bolsas deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente. No caso do inglés, deberase achegar certificado B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas ou superior. As persoas beneficiarias non poderán, ademais, ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego. Todos os requisitos e méritos avaliables están dispoñibles na convocatoria publicada no DOG.

Estas bolsas enmárcanse no compromiso de Turismo de Galicia por afondar na formación práctica dos profesionais vinculados ao turismo ao tempo que se reforza a profesionalización dos servizos ofrecidos aos visitantes á Comunidade galega.