Merelles di que o PP incentivará a incorporación da xuventude á viticultura

Publicidad

Visitou as instalacións de «Roandi» e coñeceu o novo proxecto de aloxamento desta adega

Xosé Manuel Merelles visitou esta mañá as instalacións da Adega Roandi, en Éntoma (O Barco de
Valdeorras), para coñecer de primeira man as súas dependencias e o labor que nela se realiza e os seus novos proxectos como un servizo de aloxamento para os visitantes.

Guiado polo seu propietario, Rogelio Moral, quen detallou ao que foi ata hai pouco director da Axencia Turismo de Galicia o traballo desenvolvido dende Roandi para a posta en valor do Castelo de Arnado (Vilamartín), adquirido pola adega para a súa restauración e dinamización, o candidato popular atendeu aos medios de comunicación con carácter previo á visita para manifestar o compromiso dos populares co sector vitivinícola da comarca e, máis concretamente, co fomento da incorporación da xente nova a este ámbito de actividade, co obxecto de garantir o seu futuro.

Neste sentido, anunciou que o PP activará na vindeira lexislatura o denominado bono mozo de inicio de actividade “para que a nosa xuventude estea apoiada ao comezo da súa dedicación á actividade agrogandeira”.

Publicidad

Ademais, Merelles referiuse á posta en marcha na comarca de Valdeorras dun novo ciclo de FP dual relacionado coa viticultura e impulsado dende o Goberno galego, a través da Consellería de Educación, como un exemplo tamén ilustrativo co compromiso de favorecer a incorporación da xente nova ao sector do viño.

Un compromiso arredor do cal o PP seguirá traballando na seguinte lexislatura “para incentivar o relevo xeracional na actividade vitivinícola na comarca”.

Paralelamente, o candidato popular afirmou que “Valdeorras non se entendería sen o seu legado vinícola: un sector produtivo clave para o desenvolvemento económico da comarca, do que viven moitas familias, e que o PPdeG se compromete a seguir mimando e coidando”.

Na súa intervención, quixo referirse tamén “ao forte bum que están a experimentar os godellos de Valdeorras, cada vez mellor posicionados e máis demandados en diferentes mercados da Península Ibérica e do estranxeiro”, sen “desmerecer outras referencias brancas e tintas elaboradas con diferentes variedades autóctonas como poden ser a mencía ou a garnacha tintorera”.