Mantivo unha reunión ca presidenta de Asociación Empresarial (AEVA) para escoitar as propostas das empresas e dar a coñecer o programa dos populares no ámbito empresarial
Xosé Manuel Merelles, candidato polo PP de Ourense ao Parlamento de Galicia, trasladou hoxe aos empresarios valdeorreses nunha xuntanza mantida coa súa presidenta, Araceli Fernández, o compromiso do PPdeG con fomentar a unión entre os diferentes sectores produtivos da comarca. “Promoveremos alianzas entre as diferentes iniciativas empresariais e tamén favoreceremos a optimización dos procesos loxísticos”, manifestou Merelles.
Trátase dunha medida, incluída no programa dos populares, que pode ter especial impacto na comarca de Valdeorras. “A lousa e o viño son dous dos motores económicos da contorna e promover accións de dinamización conxunta que posicionen turísticamente a comarca en torno a estes dous activos vai ser unha das liñas de traballo que un Goberno con Rueda á fronte poña en marcha na zona”.
Fortalecer Valdeorras como destino enoturístico de preferencia e tamén como núcleo de turismo industrial é, pois, “un dos eixos de traballo que o PP propón para comarca”.
Hostalaría
Xunto a isto, Merelles manifestou a Fernández o compromiso dos populares galegos con impulsar programas de formación específicos para o sector da hostalaría en Valdeorras para, deste xeito, responder ás demandas deste eido, que se ten queixado de forma pública de que non lle resulta doado atopar traballadores cualificados.
Un goberno presidido por Alfonso Rueda, ademais, apoiarase na innovación e na investigación para que “os valdeorreses acaden maiores cotas de benestar e calidade de vida”.
“No PP queremos unha Galicia con actividade económica nas aldeas, nas vilas e nas cidades; unha Galicia que favoreza o emprendemento e facilite o asentamento de negocio”, afirmou Merelles.
Compromiso coas infraestruturas
O candidato polo Partido Popular ao Parlamento galego, que dirixiu ata hai pouco a Axencia Turismo de Galicia, comprometeu tamén o apoio do presidente Rueda para favorecer a mellora de conexións e infraestruturas viarias longamente demandas polo empresarios da comarca, como o impulso a A-76, a mellora da N-120 ou a optimización da circunvalación do Barco.
Neste sentido, lamentou que os socialistas e o BNG, no documento asinado para o pacto de investidura de Sánchez, “non recolleran nin unha soa demanda ao respecto destas obras”.
“Faremos presión fronte ao Ministerio de Transportes para que Valdeorras deixe de estar illada, porque se non se cumpren os compromisos en materia de infraestruturas do Goberno de España, a dinamización empresarial e económica da zona vaise ver lastrada”, concluíu Merelles.