Merelles finaliza a súa campaña en Valdeorras: «O PP é garantía dun goberno estable»

Publicidad

Mantivo un almorzo informativo cos medios de comunicación da comarca e comprometeuse a seguir traballando por Valdeorras «con cabeza e dende o corazón»

Xosé Manuel Merelles, membro da candidatura dos populares de Ourense ao Parlamento de Galicia, finalizou a súa campaña en Valdeorras mantendo un almorzo informativo cos principais representantes dos medios de comunicación emprazados na zona. Ante eles, o que foi ata hai pouco director da Axencia Turismo de Galicia (cargo do que, precisamente, cesou para se integrar na lista do PP provincial), comprometeuse a traballar por Valdeorras “con cabeza” e “por suposto, sempre, dende o corazón”.

Merelles, criado na Rúa, realizou un repaso da campaña que levou a cabo na comarca e apuntou os retos e desafíos pendentes aos que cómpre dar resposta para fortalecer a contorna. “Se Galicia funciona, Valdeorras funciona”, apuntou o candidato popular. “Por iso, cada papeleta do PP depositada nas urnas é a garantía para un goberno estable”, engadiu.

Xunto a isto, manifestou que o compromiso de Alfonso Rueda e de todo o Partido Popular “coa nosa comarca está fóra de toda dúbida”. Neste sentido, situou ao seu partido como garante para reivindicar as infraestruturas pendentes de construción, longamente demandadas, para que Valdeorras deixe de estar illada. A A-76, a mellora da N-120 ou a circunvalación do Barco son algunhas das medidas que o Goberno de España debe acometer na comarca “para non lastrar a competitividade económica das nosas empresas nin mermar a calidade de vida dos nosos veciños”, manifestou.

Publicidad

Suliñou que un goberno autonómico con Rueda á fronte vai ser garante para defender perante Sánchez que se cumpran as reivindicacións en materia de infraestruturas que precisa Valdeorras.

Precisamente, tal e como abondou Merelles, a Xunta si está a cumprir os seus compromisos no ámbito das infraestruturas dentro das súas competencias e proximamente vaise mellorar a estrada que conecta A Rúa coa Gudiña para optimizar a conexión dos habitantes da comarca coa A-52 e coa estación do AVE.

Xunto a isto, Merelles tamén repasou algunhas das propostas do programa do PP para lograr que “Valdeorras despegue de xeito definitivo” en diferentes eidos -promoción económica e industrial, servizos sociais e sanidade, dinamización comercial, emprendemento, posta en valor do sector primario ou creación e defensa de postos de traballo, entre outros.

Porén, detívose especialmente en enumerar as propostas que o programa dos populares prevé desenvolver nas contornas do interior de Galicia, como Valdeorras, para favorecer a chegada de visitantes.

Xosé Manuel Merelles destacou a vontade do PP por fortalecer a comarca “como destino turístico preferente no interior de Galicia” e fortalecer o seu posicionamiento a través dos numerosos recursos cos que conta a zona: patrimonio natural, patrimonio monumental, legado etnográfico ligado á cultura do viño (como as covas ou lagares), enogastronomía, activos industriais, Camiño de Inverno ou legado e tradicións inmateriais como os entroidos, entre moitos outros.

“En Valdeorras temos potencial e cómpre dotar ao sector [turístico] de recursos para que se poidan crear rutas ou circuítos a través dos que os visitantes poidan combinar degustacións nas adegas, coñecemento das covas ou lagares, desprazamento ata os viñedos e paisaxes máis emblemáticas nas que se produce o noso viño, coñecemento da restauración e dos produtos gastronómicos autóctonos, etc”, sinalou o candidato popular.

“Penso que é fundamental que haxa unión para poder crear en termos de proxección turística a Marca Valdeorras, porque todos os municipios que integran a comarca sairían beneficiados”, concluíu.