Medio Ambiente asinou convenios polos que concede préstamos sen xuros
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou cos alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Cortegada, Lobios, Porto do Son e Rubiá —este último de xeito electrónico— os convenios polos que concede máis de 660.000 euros en préstamos sen xuros para actuacións nestes territorios, ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Segundo explicou a conselleira, estes préstamos, que deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos, teñen por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. O Goberno galego incide así no seu compromiso de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispor dunha vivenda digna e axeitada.
Rubiá recibirá 48.000 euros para a rexeneración dunha rúa no Robledo da Lastra. Cómpre lembrar que este concello ourensano xa se acolleu a este fondo de cooperación nas convocatorias de 2017, 2018, 2019 e 2020.
Durante a sinatura destes convenios, a conselleira lembrou que a través deste fondo de cooperación para a rehabilitación que se creou hai 6 anos concedéronse, ata 2021, préstamos por importe de máis de 11,3 millóns de euros para financiar 50 actuacións nun total de 23 concellos.
Na convocatoria de 2022, cos asinados hoxe, suman xa 19 convenios firmados con 13 concellos por unha contía de 3,58 millóns de euros e aínda están pendentes de avaliación preto dunha ducia de peticións logo de que rematase o prazo de presentación de solicitudes o pasado 30 de setembro.
Este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.
Ademais, a través deste instrumento de financiamento, a Xunta contribúe a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios dos inmobles desatendan as súas obrigas dado que a normativa vixente permite aos municipios actuar subsidiariamente e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas.