O centro loxístico da institución provincial busca coordinar a resposta dos concellos ourensás ante a guerra de Ucraína
O parque da maquinaria da Deputación de Ourense acolleu o cargamento do primeiro camión con axuda humanitaria con destino a Ucraína.
O envío do material humanitario, recollido polo Concello de Ourense e almacenado no parque da maquinaria pola institución provincial, foi organizado por AGA-Ucraína e financiado por Afundación e Abanca.
Os deputados Luz Doporto e Pablo Pérez supervisaron o proceso de carga do camión, con destino o punto fronteirizo de Przemysl, entre Polonia e Ucraína.
O centro loxístico activado pola Deputación busca canalizar e coordinar a resposta dos concellos ourensás ante a guerra de Ucraína.
O goberno provincial ten en funcionamento un dispositivo posto en marcha pola Área de Benestar, onde un grupo de traballo técnico agrupa toda a información sobre as iniciativas que se estean levando a cabo dende o ámbito municipal.
Así habilitouse un enderezo electrónico e un teléfono (ourenseconucrania@depourense.es /988 317 772) para que os concellos faciliten unha persoa de contacto que permita coñecer, dun xeito áxil, que material poden ofrecer e enviar, favorecendo as sinerxías e garantindo a resposta máis eficiente e ordenada posible.