No ámbito da cooperación cos Concellos destina 125.069 euros a O Barco para a humanización da rúa Igrexa en Vilanova
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na súa reunión semanal, aprobou esta mañá as bases da convocatoria do programa EmprendOU en feminino, iniciativa reforzada este ano con máis orzamento, máis contía por beneficiaria, unha liña específica para consolidar os proxectos que recibiron apoio en 2025, e a creación dunha rede de emprendedoras que as acompañe máis aló da axuda económica.
Unha sesión na que tamén se deu conta da repartición de case 860.000 € (858.425,49) correspondentes á resolución da liña de axudas destinadas ás ANPAS, a cooperación cos concellos e colaboración con entidades.
EmprendOU en feminino é unha iniciativa da Deputación de Ourense, xestionada polo Área de Benestar, dirixida a mulleres que emprenden ou manteñan proxectos empresariais de autoemprego. Naceu en 2023 tras constatar que, de modo especial no rural, «o emprendemento feminino é un instrumento de primeira orde para o desenvolvemento económico, cohesión territorial, fixar poboación e reducir a fenda de xénero», sinalou o presidente provincial, Luis Menor, na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Goberno.
A dotación económica do EmprendOU aumenta este ano un 50 %, pasando de 100.000 a 150.000 €. Cada beneficiaria poderá recibir unha axuda que consta de dúas partes: un tramo fixo equivalente ao 75 % do salario mínimo interprofesional mensual, é dicir, en torno a 915 € fronte aos 592 € da convocatoria anterior, e un segundo tramo complementario. Para este caso, se no peche da convocatoria queda crédito sen esgotar o remanente repartirase a partes iguais entre todas as beneficiarias.

Xestión máis áxil e axudas á consolidación do proxecto
A convocatoria de 2026 tamén facilita o acceso e imprime axilidade na xestión, destacou Luis Menor. Así, a antigüidade mínima na actividade baixa de 6 a 3 meses, abrindo a porta a proxectos máis recentes, e o 75% do crédito resérvase a iniciativas en municipios ourensáns de menos de 20.000 habitantes, blindando o peso do rural. Poderán beneficiarse mulleres de entre 16 e 35 anos dadas de alta por conta propia en calquera municipio da provincia.
O presidente subliñou que por primeira vez o programa EmprendOU incorpora «unha liña de continuidade», de tal xeito que as beneficiarias do pasado ano que sigan de alta na súa actividade terán unha tramitación preferente durante os 30 primeiros días hábiles do prazo. O obxectivo é claro: «Evitar que se interrompan os proxectos xa apoiados e axudar a que se consoliden».
As solicitudes poderán presentarse desde as 9:00 horas do sétimo día natural posterior á publicación das bases no BOP e ata o 30 de outubro, agás que se esgote o orzamento.

Nace a Rede EmprendOU en feminino
Menor tamén apuntou outra novidade do programa, «que incorpora un apoio máis con independencia da axuda económica». Trátase da Rede EmprendOU en feminino, na que poden participar todas as beneficiarias, pensada como un espazo para conectar ás emprendedoras entre si, intercambiar experiencias, boas prácticas e acceder a formación e outras actividades. «Un apoio sen obriga algunha pensado para que ningunha emprendedora afronte en solitario os retos do rural», asegurou o presidente.
Resolución da convocatoria de axudas ás ANPAS
Por outra banda, na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense deu conta da resolución das axudas dirixidas ás asociacións de nais e pais do alumnado (ANPA), correspondentes á convocatoria de 2025, a segunda deste mandato por se tratar dunha nova liña de colaboración co mundo educativo.
As asociacións beneficiarias destas achegas son 34, cunha contía máxima individual de 2.000 €, ás que se destinan un total de 44.877,87 €. Entre as actividades financiadas figuran xornadas lúdicas, de convivencia, deportivas, excursións ou plans de conciliación.
Colaboración con entidades
O capítulo máis amplo desta Xunta de Goberno da Deputación de Ourense foi o de colaboración con entidades, coa concesión de 445.974,35 € á catorce asociacións nos ámbitos do mundo empresarial, colectivos profesionais, mulleres rurais, social e sanitario, cultura e deporte. Así, aprobáronse as seguintes axudas:
- 180.000 € para a Asociación Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE Ourense), cantidade destinada ao desenvolvemento de actividades neste ano.
- 38.000 € para actividades de formación da Asociación provincial de Autoescolas de Ourense.
- 24.000 € a favor da Asociación e Concesionarios de Automóbiles da Provincia de Ourense (ACAUTO) para actividades e gastos de funcionamento.
- 5.000 € para «Ruralidade sostenible: Empoderando ás mulleres», da Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (AFAMMER-OURENSE).
- 39.974,35 € para o programa «Promociona. Éxito educativo do alumnado xitano», da Fundación Secretariado Gitano.
- 10.000 € para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple e Enfermidades Raras, con destino a gastos de funcionamento.
- 80.000 € á Fundación Asilo Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, tamén para contribuír ao funcionamento da entidade.
- 15.000 € para o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, como entidade colaboradora das farmacias beneficiarias no Plan de apoio ás farmacias do rural de 2026.
- 18.000 € á Fundación Vicente Risco distribuídos en tres axudas: 1.500 € para premio de Ciencias Sociais que outorga esta entidade; 2.500 € para o Premio Antón Risco de Novela Curta; e 14.000 € para gastos de funcionamento.
- 9.000 € a favor da asociación Cofradía da Veracruz do Carballiño para actividades culturais.
- 4.000 € para a Área Social do CD La Purísima.
- 15.000 € a favor do Club Carballiño Fútbol Sala para gastos de funcionamento na tempada 2025-2026.
- 8.000 € para a Federación Galega de Karate, para a Xornada karate liga galega.
Cooperación cos concellos
En cooperación cos concellos, aprobáronse cinco axudas por importe de 367.563,27 €, destinadas a servizos de abastecemento e bombeo de augas; humanización de rúas; asfaltado de accesos; ou obras en inmobles municipais. O detalle das achegas é o seguinte:
- 86.000 € ao Concello de San Cristovo de Cea para obras de canalización de augas no bombeo do polígono empresarial.
- 125.069,83 € para O Barco de Valdeorras, destinados á humanización da rúa Igrexa en Vilanova, fase primeira entre a Casa Reitoral e a praza Palacios.
- 96.000 € para Castrelo de Miño, divididos en dúas achegas: 48.000 € para o asfaltado do acceso á plataforma do helicóptero de emerxencias; e idéntica cantidade para a renovación da rede de abastecemento de Nogueiredo.
- 60.493,44 € destinados ao Concello de Ramirás para a rehabilitación dun inmoble municipal.






