Intensa axenda de traballo do presidente da Deputación en Valdeorras

Publicidad

Luis Menor presidiu a reunión do Consorcio de Aguas e mantivo reunións coas mulleres rurais de Viloira e coa asociación veciñal de Quereño, entre outras

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, dedicou a xornada de hoxe a Valdeorras, dando cumprimento ao compromiso de mandato de achegar a acción da institución provincial a todo o territorio. Mantivo una intensa axenda con distintas reunións con colectivos, alcaldes e alcaldesas da comarca.

A xornada comezou na Casa Grande de Viloira coa reunión do Consorcio de Augas de Valdeorras, na que se aprobou por unanimidade o orzamento para o ano 2026, que ascende a 1.850.000 euros, o que supón un incremento de 48.000 euros respecto ao exercicio anterior. Este aumento responde fundamentalmente á actualización dos custos de persoal, á dotación de novos recursos humanos e ás asistencias técnicas necesarias para garantir a prestación dos servizos.

O presidente provincial subliñou que se trata dun orzamento equilibrado, xa que as taxas foron revisadas a comenzo do ano. O Consorcio presta actualmente tres servizos fundamentais: o abastecemento de auga potable e o servizo de alcantarillado no municipio do Barco de Valdeorras, así como a depuración de augas residuais nos nove concellos da comarca.

Publicidad

Na reunión tamén se abordaron cuestións organizativas internas, como a aprobación inicial do regulamento do servizo de abastecemento. «Aprobamos, en definitiva, melloras para a veciñanza a través da prestación deste servizo», recalcou Menor, lembrando que Valdeorras foi a primeira comarca que contou con contadores intelixentes, dentro do ciclo da auga («Perte»).

Cooperación coas mulleres rurais

O presidente da Deputación de Ourense realizou tamén unha visita á sede da Asociación de Mulleres Rurais San Martiño de Viloira, no Barco de Valdeorras, onde coñeceu de primeira man as actividades de envellecemento activo que realizan neste espazo as integrantes deste colectivo, presidido por María del Carmen García e que conta con 150 asociadas. Neste contexto, o presidente provincial puxo en valor «o impagable labor das mulleres rurais, fundamentais para a cohesión social e a dinamización do territorio».

A xornada completouse na Casa Grande de Viloira cun encontro de Luis Menor coa Asociación Veciñal Aluveire de Quereño, pertencente ao concello de Rubiá. Na reunión participaron a presidenta da asociación, Alma Rodríguez, así como o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, acompañado polo tenente de alcalde, Ignacio Doce.

Viñotapeo Quereño

O presidente provincial coñeceu o proxecto Viñotapeo Quereño 2026, unha iniciativa que consiste nunha ruta de adegas con degustación de viños e tapas elaboradas con produtos típicos da zona, combinando promoción económica, apoio aos produtores locais e fomento da convivencia social, nun exemplo do papel activo do tecido asociativo como motor de desenvolvemento no territorio.

Luis Menor tamén se reuniu co alcalde da Veiga, Juan Anta, para abordar melloras no seu concello e tamén co rexedor de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, no que houbo propostas para a carretera de San Vicente para darlle unha saída, ademáis de inversión para o campo de fútbol de Vilamartín-Córgomo.