15.9 C
O Barco de Valdeorras
jueves, julio 30, 2026
Publicidad

Os Concertos do Xacobeo poñen en valor e fan soar Valdeorras

Publicidad

Esta aposta cultural da Xunta de Galicia vai máis alá da música: dinamiza o territorio, a economía e reforza o seu atractivo turístico

Hai territorios nos que a música non só se escoita: tamén se contempla. En Valdeorras, cada concerto convértese nunha invitación a descubrir unha paisaxe, un monumento, unha tradición ou un produto local. Esa é unha das grandes fortalezas dos Concertos do Xacobeo, o programa promovido pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia que, edición tras edición, leva a música en directo aos lugares máis emblemáticos da comunidade, apostando por unha programación de calidade capaz de dinamizar o territorio e reforzar o seu atractivo turístico.

Con máis de 185 concertos, ciclos e festivais en 75 localidades galegas e máis de 800 bandas e artistas ao longo de 2026, o proxecto continúa consolidando Galicia como un dos grandes destinos da música en vivo.

A música é o camiño, o camiño da promoción turística e económica de cada territorio con eventos descentralizados, repartidos ao longo dos 12 meses, que chegan non so ás cidades senón aos lugares mais pequenos con artistas internacionais, nacionais, galegos pero tamén, con moito talento emerxente.

Publicidad

No caso de Valdeorras, esta filosofía adquire unha personalidade propia. A comarca converteuse nun exemplo de como a cultura pode dialogar coa natureza, co patrimonio histórico e coa tradición vitivinícola para ofrecer experiencias que van moito máis alá do escenario. Aquí, a música acompaña ao río Sil, ás montañas, ás adegas, ás prazas e aos espazos monumentais para crear unha proposta diferencial que sitúa o territorio no mapa cultural e musical galego.

O SilFest, un evento de dimensión humana que move a economía

Un dos grandes referentes desta aposta é, sen dúbida, o SilFest, que este ano celebrou a súa décima edición no Parque do Malecón do Barco de Valdeorras no mes de xullo. O festival naceu coa vontade de ofrecer unha alternativa aos grandes macroeventos e, unha década despois, converteuse nun dos mellores exemplos do modelo que impulsan os Concertos do Xacobeo: un evento de dimensión humana, integrado na contorna, onde a música convive coa gastronomía, os viños da Denominación de Orixe Valdeorras, as actividades familiares e o deporte.

Á beira do Sil, nun enclave natural privilexiado, milleiros de persoas, de moitos lugares de Galicia e de España, desfrutaron dun cartel encabezado por Morgan, Hinds, L.A., La Paloma ou Puño Dragón, confirmando a madurez dunha cita que medrou sen renunciar á súa esencia e identidade. 

Foto Vanesa Rábade

Pero o valor do SilFest vai máis alá da programación artística. Durante os días do festival increméntase a ocupación dos establecementos hostaleiros da comarca, medra a actividade do comercio local e multiplícanse as visitas ás adegas e aos recursos turísticos da contorna.

Foto Vanesa Rábeda

A música convértese así nun escaparate privilexiado para descubrir Valdeorras, favorecendo que moitos visitantes prolonguen a súa estancia e coñezan unha comarca cada vez máis asociada ao enoturismo, á natureza e á cultura.

Diálogo entre patrimonio e música: Unha experiencia irrepetible

Ese diálogo entre patrimonio e música é tamén unha das señas de identidade doutras citas impulsadas polos Concertos do Xacobeo en Valdeorras. Un dos exemplos máis representativos foi o concerto de Luar na Lubre no Santuario das Ermidas, no concello do Bolo, este verán.

Poucos escenarios reúnen tanta forza simbólica como este conxunto barroco, integrado nun impresionante anfiteatro natural sobre o val do Bibei. A actuación da histórica formación galega, dentro da súa xira do 40 aniversario, converteu este espazo monumental nun escenario excepcional onde arquitectura, paisaxe e música de raíz dialogaron nunha experiencia irrepetible

Os concertos do Xacobeo son tamén unha forma de conectar, vivir e sentir Valdeorras e Galicia, deixando unha forte pegada que confirma o éxito de promover o territorio a través da música.

Sons Urbanos e o Son da Estación na Rúa

A programación continúa durante o verán coa celebración de Sons Urbanos, unha nova proposta que leva a música urbana galega á Praza da Estación da Rúa o venres 7 de agosto. O evento representa outra das claves dos Concertos do Xacobeo: a capacidade para chegar a públicos moi diversos, incorporando estilos actuais e dando protagonismo ás novas xeracións de artistas galegos.

Con nomes como 9Louro, Kid Mount, Kike Varela ou Mela, esta iniciativa amplía a oferta cultural da comarca e achega novos públicos a un espazo urbano que tamén se converte en escenario musical. 

O Son da Estación na Rúa

Ao día seguinte, o sábado 8 de agosto, a programación complétase cunha nova e agardada entrega de O Son da Estación en A Rúa, que continúa reforzando a actividade cultural en Valdeorras cun atractivo programa no que se dará cita, etre outros, Baiuca, un dos artistas galegos do momento con maior proxección internacional, Nadadora ou Luis Fercán.

Son da Estación 2025 na Rúa

Xunto con festivais e concertos de maior formato, propostas como O Son da Estación permiten que a música chegue a diferentes municipios da comarca, fortalecendo o tecido cultural local e favorecendo a participación da veciñanza.

Precisamente, esa combinación entre grandes eventos e programación de proximidade converte Valdeorras nun dos mellores exemplos da estratexia territorial dos Concertos do Xacobeo. Fronte á concentración da actividade nas grandes cidades, o programa aposta por distribuír a cultura por todo o país, facendo que tamén as comarcas do interior sexan protagonistas dunha programación de primeiro nivel. 

O resultado é unha oferta cultural que reforza a «marca» propia de Valdeorras. A riqueza paisaxística do val do Sil, a tradición vitivinícola, o patrimonio histórico de lugares como O Bolo ou A Rúa e a hospitalidade da comarca atopan na música un aliado para seguir gañando visibilidade dentro e fóra de Galicia.

Cada concerto convértese nunha oportunidade para descubrir un territorio que ofrece moito máis ca un festival: ofrece unha experiencia completa, como, por exemplo, as vividas un ano máis da man da música de raíz do galego Emilio Rúa, que visitou a finais de xullo un dos espazos singulares da comarca, o castelo medieval do Bolo.

Impulso para a economía local

Ao mesmo tempo, esta programación supón un importante impulso para a economía local. A chegada de visitantes tradúcese nun incremento da actividade en hoteis, casas de turismo rural, restaurantes, comercios, adegas e empresas de servizos, xerando un efecto multiplicador que beneficia ao conxunto da comarca. A cultura convértese así nun auténtico motor de desenvolvemento sostible, capaz de crear riqueza mantendo un profundo respecto pola identidade do territorio.

Esa é, precisamente, a esencia dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia en Valdeorras: demostrar que os grandes concertos non precisan celebrarse únicamente nas grandes cidades. Tamén poden soar entre montañas, ríos, viñedos e monumentos históricos, facendo da paisaxe parte do espectáculo.

Un modelo que sitúa á comarca como un dos destinos culturais máis singulares de Galicia e confirma que, cando a música dialoga co territorio, a experiencia permanece moito despois de que remate o último aplauso.

Os Concertos do Xacobeo programados en Galicia poden consultarse en: https://concertosdoxacobeo.gal/es/