O director de Turismo de Galicia presentou o cartel dos concertos, que se celebrarán o 7 e 8 de agosto
Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia regresan este verán á comarca de Valdeorras coa celebración da terceira edición de O Son da Estación e a primeira de Sons Urbanos, unhas citas que terán lugar os próximos 7 e 8 de agosto na Praza da Estación da Rúa e que reafirma a súa vocación de consolidarse como unhas das propostas musicais de referencia da provincia de Ourense.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do festival e destacou que «O Son da Estación representa á perfección a aposta dos Concertos do Xacobeo por achegar programación cultural de calidade a todo o territorio galego, facendo da música en directo un motor de dinamización turística, económica e social tamén nas nosas vilas e comarcas».
Xosé Merelles salientou que a continuidade do festival tras o éxito das súas anteriores edicións confirma «a boa acollida dunha proposta que naceu para enriquecer a oferta cultural de Valdeorras e para contribuír a proxectar A Rúa como un destino atractivo tamén a través da música».

Neste sentido, lembrou que eventos deste tipo «favorecen a chegada de visitantes, dinamizan a actividade da hostalaría, do comercio e dos servizos locais e reforzan o atractivo turístico do interior de Galicia».
O director de Turismo de Galicia destacou tamén que os Concertos do Xacobeo continúan ampliando a súa presenza na provincia de Ourense, apoiando preto de vinte eventos e festivais que contribúen a descentralizar a programación cultural e a levar propostas musicais de primeiro nivel a diferentes puntos do territorio.
O mellor talento musical galego
A programación desta edición volverá apostar decididamente pola creación musical feita en Galicia, reunindo artistas consolidados con novos proxectos que representan a diversidade e o excelente momento creativo da escena galega actual.
O cartel estará encabezado por Baiuca, un dos nomes con maior proxección internacional da música galega contemporánea, recoñecido pola súa capacidade para fusionar a tradición musical do país coa electrónica de vangarda e converter o folclore galego nunha proposta innovadora e universal.
Xunto a el actuará Nadadora, banda de referencia do pop independente e do shoegaze nacional que regresou aos escenarios en 2025 tras doce anos de parón, recuperando un dos proxectos máis recoñecidos da escena alternativa galega. Tamén Luis Fercán, un dos cantautores galegos máis destacados da súa xeración, autor dun repertorio íntimo e emotivo que o consolidou como unha das voces máis persoais do panorama estatal. Completan a programación a banda local Navegando a Barlovento e Kill Vir Dj.
Todos os concertos serán de acceso gratuíto, mantendo así a filosofía coa que naceu O Son da Estación: achegar a música en directo a públicos de todas as idades e converter a Praza da Estación da Rúa nun punto de encontro cultural aberto á veciñanza e ás persoas visitantes.
«O Son da Estación demostra que Galicia conta cun enorme talento musical e cun territorio preparado para acoller propostas culturais de calidade máis alá dos grandes núcleos urbanos. Esa capacidade para combinar cultura, territorio e turismo é precisamente un dos obxectivos que perseguimos a través dos Concertos do Xacobeo», concluíu Xosé Merelles.
Ademais, o impacto e a boa acollida de Son da Estación deron lugar a Sons Urbanos, “unha evolución natural da iniciativa que amplía a aposta pola música en directo”, asegurou o director de Turismo de Galicia. Esta cita terá lugar o venres 7 de agosto e contará coa participación dos artistas 9louro, Kid Mount, Kike Varela e Mela, “unha proposta musical actual e atractiva”, afirmou.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Entre os eventos máis destacados da edición 2026 figuran festivais de proxección internacional como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou o Gozo Festival. Xunto a eles, tamén medran e se consolidaron propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, SilFest, Costa Feira, Galicia Fest, Jaleo! ou Ou Yeah!
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal
