O Simposio Florencio Delgado Gurriarrán afondou no labor do poeta de Córgomo como tradutor

Publicidad

A Real Academia Galega inaugurou o encontro que afonda no mes de novembro no legado do poeta e activista cultural valdeorrés, figura clave do exilio galeguista en México

“Oh Captain! My Captain!”, un dos poemas máis célebres de Walt Whitman, foi escrito en 1865 en homenaxe ao presidente dos Estados Unidos Abraham Lincoln tras o seu asasinato. Case un século despois, en 1951, foi vertido por primeira vez ao galego, desde o exilio en México, por Florencio Delgado Gurriarán (1903 – 1987). “Adaptouno con certo grao de liberdade para render homenaxe a Castelao con motivo do seu primeiro cabodano”, explica o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, que abordou o labor como tradutor do protagonista do Día das Letras Galegas na primeira xornada do simposio que a Real Academia Galega lle dedica.

“A tradución significou para Delgado Gurriarán unha vertente notable no conxunto do seu labor, malia que non lle consagrase atención de forma perseverante no transcurso da súa traxectoria”, resume o investigador, que se referiu tamén á escolma Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires, 1949), “un verdadeiro fito na historia da tradución galega” da que Delgado Gurriarán foi coautor.

A primeira mostra do labor como tradutor de Delgado Gurriarán é a súa contribución neste libro no que participou xunto a Plácido Castro e Lois Tobío traendo ao galego poemas en francés como “Volta da primavera” de Philippe Chabaneix, e “Choiva” de Paul Verlaine. “Este volume constitúe un verdadeiro fito na historia da tradución galega por se tratar do primeiro tomo de versións á nosa lingua que viu a luz despois da guerra civil”, valora Xosé Manuel Dasilva.

Publicidad

Delgado Gurriarán, Tobío e Castro foran os gañadores dun concurso convocado pola Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, patrocinadora da edición, pero o poeta valdeorrés era o único sen experiencia como tradutor. Non obstante, estaba moi familiarizado co francés polos seus avatares biográficos durante a guerra civil e, se cadra, a partir desa experiencia desenvolveu unha querenza especial polos poetas franceses, suxire o filólogo.

Desde o francés tamén traduciría por primeira vez ao galego “O cemiterio mariño”, de Paul Valéry, publicado no xornal arxentino Opinión Gallega en 1952 e anos despois difundido na revista Grial, prosegue Xosé Manuel Dasilva. O relator tamén examinará a paráfrase titulada “O barco bébedo”, de Arthur Rimbaud, inserida a finais da década dos 60 nas páxinas da revista Vieiros, a publicación da diáspora galeguista en México da que Delgado Gurriarán foi un dos impulsores.

Alén do percorrido polas traducións de Delgado Gurriarán, Xosé Manuel Dasilva presentou como primicia a documentación exhumada recentemente do informe de censura sobre o poemario Galicia infinda (Galaxia, 1963), o único que o autor publicou en Galicia durante o franquismo. O documento demostra que o libro puido saír do prelo sen sufrir modificacións, explicou.

Correspondencia sobre a fuxida de refuxidados galegos

O Simposio Florencio Delgado Gurriarán reúne as tardes do primeiro e do segundo xoves do mes de novembro no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) unha ducia de especialistas de distintos eidos que profundarán en diversos aspectos da traxectoria do poeta e activista cultural valdeorrés, unha das figuras destacadas do exilio galeguista en México. A entrada é libre e todas as intervencións poderán seguirse en directo desde academia.gal.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inauguraron o encontro, que se desenvolve co apoio económico da Xunta de Galicia. Xesús Alonso Montero interveu deseguido cun relatorio sobre a poesía sociolingüística do homenaxeado e outros poetas do seu tempo.

O encontro rematou coa presentación do libro Co anceio de volver. Conversas con Florencio Delgado e Celia Teijeiro, unha edición da RAG ao coidado do biógrafo do homenaxeado, o seu parente Ricardo Gurriarán, que reúne a conversa que Delgado Gurriarán mantivo en 1979 coa antropóloga catalá establecida en México Dolors Pla (1954-2014) para o arquivo da historia oral do exilio español no país que os acolleu a ambos, nunha versión traducida ao galego e editada para a ocasión; e mais a entrevista que o propio Ricardo Gurriarán lle fixo á dona en 1998.

A correspondencia do autor con Rodolfo Prada, destacado galeguista da diáspora na Arxentina, foi outro dos focos de atención da primeira xornada. Ramón Nicolás ofreceu unha análise dunha serie de cartas escritas entre febreiro e abril de 1939, unha etapa na que o poeta valdeorrés desenvolveu labores de responsabilidade política e humanitaria en Barcelona e París para facilitar a fuxida dos refuxiados galegos cara a América co apoio da emigración galega á outra beira do Atlántico. O académico correspondente detívose ademais na súa correspondencia con Ramón Otero Pedrayo, tamén conservada na Fundación Penzol.

Ramón Nicolás participou nunha mesa redonda, moderada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que contou ademais cunha achega sobre o autor desde a súa terra natal, Valdeorras, a cargo da directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes; unha análise das fontes léxicas da lírica de Florencio da lingüista Concepción Álvarez Pousa; e mais o retrato do Delgado Gurriarán tradutor que ofreceu o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.

A canción galega no exilio mexicano pechará o simposio

O programa do xoves 10 de novembro arrincará cun relatorio sobre a biografía de Delgado Gurriarán (17:00 horas). A mesa redonda, moderada polo director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, reunirá o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza, que abordará a etapa vital da guerra civil e do primeiro exilio do autor; a historiadora Pilar Cagiao, que falará do México ao que chegou Florencio no ano 1939; e Samuel Diz, que tenderá pontes entre Delgado Gurriarán e o violinista ferrolán Xesús Dopico, o primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México, que chegou tamén á outra beira do Atlántico á bordo do Ipanema.

Tras o coloquio, Samuel Diz na guitarra clásica, acompañado da voz de Belén Vaquero, pechará o simposio cunha actuación musical que incluirá composicións do lugués Xesús Bal y Gay e de María Teresa Prieto, Rodolfo Halffter e Gustavo Durán –tamén exiliados en México– para poemas galegos.