Profesor honorario da Universidade da Coruña desenvolveu ao longo da súa carreira unha labor investigadora e divulgadora da literatura galega
O filólogo Luciano Rodríguez Gómez (Carracedo, A Veiga, 1951) foi nomeado académico correspondente no pleno ordinario da Real Academia Galega celebrado na tarde do xoves. O profesor honorario da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu ao longo da súa carreira unha constante actividade investigadora e divulgadora da literatura galega na que lle prestou unha atención especial á produción poética. Estudou en profundidade, entre outros autores, a Aquilino Iglesia Alvariño, a quen dedicou a tese de doutoramento, e a Miguel González Garcés ou a Xohana Torres, de quen foi editor. É ademais antólogo e tradutor da poesía galega a outros idiomas e trouxo ao galego versos de autores cataláns e casteláns como Joan Margarit, Luis García Montero e Ángeles Mora.
O novo académico correspondente licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1977. Tras impartir Lingua e Literatura Galegas en distintos institutos, dende o curso 1991-1992 foi docente na Universidade da Coruña, onde defendeu a súa tese sobre Aquilino Iglesia Alvariño. Actualmente é profesor honorario da mesma institución e colabora na docencia do mestrado de Literatura, Cultura e Diversidade da Facultade de Filoloxía.
Entre outras obras, foi coautor, xunto a Gonzalo Navaza e Ramón Gutiérrez, de Literatura Galega. Historia e antoloxía (Xerais, 1982); autor d’A poesía de Aquilino Iglesia Alvariño (1994); e editor de Poesía de Miguel González Garcés (1998), Poesía reunida (1957-2001) de Xohana Torres (2004) e Memoria dos días, formas da levidade. Poesía reunida (1979-2017) de Xulio López Valcárcel (2017). Tamén editou ensaios sobre poesía de autores como Miguel Anxo Fernán-Vello (2010) ou Eva Veiga (2021).
Como antólogo proxectou a literatura galega fóra de Galicia en Poesía gallega contemporánea (1996); Horizontes poéticos (2022), con versos nas cinco linguas peninsulares de Pilar Pallarés, Luis García Montero, Álex Susanna, Felipe Juaristi e Fernando Pinto; 25 anos da poesía galega (1975-2000) ou Poetas galegos do século XX (2004), entre outros títulos. O diálogo con outras linguas deu lugar tamén a Galician Generation of the Eighties. Three poets (1999), volume no que o seu alumnado como profesor visitante da City University of New York verteu ao francés, alemán e castelán poemas de Xulio L. Valcárcel, Pilar Pallarés e Ramiro Fonte.