A organización anima a presentar traballos nesta cuarta edición, dotada con 3.000 euros
O IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán ven de ser presentado nun acto na Casa do Concello de Vilamartín coa asistencia do alcalde, Enrique Álvarez Barreiro; a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista; a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco Trincado; o concelleiro Manuel Sánchez e a autora do cartel anunciador, Carina Rodríguez.
O alcalde de Vilamartín dixo que o Premio de Poesía está cada vez máis consolidado. Suliñou o traballo feito por Carina Rodríguez, “que é fermoso” —valorou— e animou a participar nunha edición que aspira a crecer para converterse no galardón máis importante de Galicia.
Álvarez Barreiro deu a coñecer as bases, que apenas contan con variacións con respeito a outras edicións. É un premio único de 3.000 euros, os textos deberán ser escritos en galego, inéditos e dunha extensión entre 15 e 90 versos. Cada persoa poderá presentar ata tres textos e unicamente os gañadores das edicións pasadas teñen prohibida a participación no certame.
Detallou que o prazo de presentación de textos estará aberto dende o mesmo día da publicación das bases no Boletín Oficial da Deputación de Ourense, ata o 29 de setembro.
Os finalistas coñeceranse o vindeiro 17 de outubro e o gañador ou gañadora, na Gala de Entrega do Premio.
Raquel Bautista: “Co cartel apoiamos as artes plásticas creadas por valdeorreses”
Pola súa banda, a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, presentou a Carina Rodríguez, artista ruesa, que fixo o cartel deste ano, que “representa a arte en Valdeorras. Con el queremos apoiar e fomentar as artes plásticas creadas por valdeorreses”, matizou. Repasou a traxectoria de dita artista, que “comenzou de forma autodidacta na adolescencia a súa carreira artística e que agora posúe un universo artístico moi especial”.
Margarida Pizcueta: “A gala de entrega homenaxeará a Anxo Baranga”
A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, comentou que gala este ano será no mes de outubro no Teatro Lauro Olmo da vila barquense. “Será unha gala moi especial, pois é a gala do ano das Letras de Florencio e das Letras de Valdeorras.
Explicou que o condutor da gala será Anxo Baranga, unha persoa moi implicada ca petición das Letras Galegas para o poeta de Córgomo. “Dende aiquí mandámoslle moita forza e todo o noso ánimo pois ten un problema de saúde. Queremos que se recupere o antes posible para presentar a gala” ao tempo que, engadiu Margarida Pizcueta, farase unha homenaxe ao propio Baranga e o colectivo que impulsou hai anos na procura e exaltación da figura de Florencio Delgado Gurriarán.
Aurelio Blanco Trincado: “Debe ser o premio mais importante de Galicia”
O presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco Trincado, lembrou a unión de todas as institucións e colectivos que fixeron posible que se lle adicara as Letras Galegas a Florencio, un “sono” que fíxose realidade. “O máis difícil, xa está feito”, apuntou.
Blanco Trincado dixo que o obxectivo é que o Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán chege a ser o premio mais importante de Galicia. E destacou que o premio, convocado polo Concello de Vilamartín, está financiado íntegramente pola Deputación provincial de Ourense, entidade que “apoiou dende o primeiro momento a iniciativa”, da que forman parte tamén os Concellos de Petín, A Rúa, Rubiá, O Barco e o IEV.
Catalina Rodríguez: “O cartel visualiza a mirada crítica e creativa dos poetas”
No que atinxe ao cartel, Catalina Rodríguez, dixo que recurriu ao mundo onírico no que “atopámonos para poder transformar os obxectos cotiáns, o que ocorre no día a día, en poesía”.
A obra é un lienzo, un collage feito con fotografía e pintura diluida, denominado “El bosque azul”. “É un dos meus favoritos. Trateino dixitalmente, para darlle a forma de globo terráqueo pois no mundo no que vivimos agora é moi global. Tamén ten forma de retina para visualizar e darlle a esencia da mirada crítica e creativa que teñen os poetas para transformar”.