O ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural analiza en Casaio os espazos de xestión comunal

Publicidad

Será este martes 30 de abril organizado polo Consello da Cultura Galega, en colaboración con Sputnik Labrego e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Asociación Científica Sputnik Labrego e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, organiza unha nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural.

A cita, que leva como título “A materialidade dos espazos comunais: pasado, presente e futuro das comunidades rurais do noroeste peninsular”, terá lugar este martes, 30 de abril, ás 10:00 horas, nas antigas escolas da localidade de Casaio (Carballeda de Valdeorras). No acto de inauguración intervirá a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con Lara Barros Alfaro, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Tejerizo, coordinadores da xornada. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida á hemeroteca do CCG.

Os montes veciñais en man común constitúen unha parte fundamental da paisaxe galega, ao tempo que representan unha importante contribución para a vida social, económica e ambiental das comunidades rurais encargadas da súa xestión. De feito, segundo datos do proxecto Life In Common Land, a cuarta parte do territorio galego correspóndese con este tipo de espazos comunais, de cuxa administración se ocupan máis de 2.800 comunidades. A propiedade e xestión dos montes veciñais ten sido, precisamente, foco de conflitos ao longo do tempo e, na actualidade, constitúe aínda un dos principais factores de confrontación que involucra unha ampla diversidade de axentes con diferentes intereses e propostas.

Publicidad

Analizar a conflitividade que os espazos comunais están a xerar hoxe en día e debater sobre o papel que desempeñan na configuración das comunidades rurais son os obxectivos principais deste encontro. Ademais, tamén se profundará na longa historia destes espazos e se expoñerán algunhas novas metodoloxías que, como o estudo arqueolóxico ou etnográfico, permiten unha achega complexa a estes procesos de xestión comunal.

O programa

A cita abrirase co relatorio “Comunidades rurais na historia contemporánea de Galicia: de mitos, fitos e conflitos”, a cargo de Ana Cabana Iglesia, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A continuación, Jesús Albarrán Deza, de Iniciativa Comunales e Plataforma en Defensa de las Juntas Vecinales de Omaña, exporá os retos e as ameazas ás que se enfrontan os espazos comunais da montaña de León.

Pola súa banda, David Fontán Bestilleiro (USC) realizará unha aproximación histórica aos agroecosistemas de Laíño e Dodro e explicará os conflitos xerados nos procesos de desposesión destes espazos.

A conflitividade dos montes comunais en Galicia será, así mesmo, o eixe central do relatorio de Lara Barros Alfaro, responsable do proxecto Mulime.

Pechará a sesión Pablo López Gómez, da Universidad de Oviedo, cunha intervención titulada “Paisaxes de montaña resilientes. Arqueoloxía de los comunales nel centru-occidente d’Asturies”.

O programa completarase cun percorrido por varios espazos de xestión comunal na zona de Casaio. En concreto, visitaranse Sobredo (alvarizas), Campo Romo e Pena Trevinca.

O ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural

In Situ é un ciclo específico dentro dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza periodicamente a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Posto en marcha no ano 2018, o programa In Situ ten como finalidade analizar diferentes elementos do patrimonio galego no propio contexto xeográfico e social no que estes se atopan.

Deste xeito, contribúese xa non só a crear outros espazos de reflexión e debate a maiores da propia sede institucional do Consello da Cultura Galega, senón tamén a evidenciar a necesidade de analizar in situ as diferentes realidades patrimoniais.

Os centros de interpretación, o patrimonio industrial e a minaría de volframio ou a situación patrimonial dos balnearios galegos centraron edicións anteriores deste ciclo, que se desenvolveron en Bretoña (A Pastoriza, Lugo), Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) e Mondariz (Pontevedra), respectivamente.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais

Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Teresa Nieto, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.