Casaio reuniu a expertos para falar de espazos de xestión comunal

Publicidad

Destacaron a importancia da sostibilidade do modelo de xestión comunitaria do territorio

Os espazos de xestión comunal teñen unha longa historia en territorios como Galicia. Porén, malia a súa importancia en termos tanto cuantitativos como cualitativos, a dificultade para encadralos dentro do modelo de explotación actual do territorio rural provoca que sexan tamén un foco de conflitos.

Así o subliñaron os diferentes expertos e expertas que participaron esta mañá en Casaio (Carballeda de Valdeorras) na nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, titulada «A materialidade dos espazos comunais».

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, destacou na inauguración a importancia de abordar este tema por primeira vez e que debe ser tido en conta á hora de abordar a xestión do territorio. Canda ela, interviñeron as tres persoas coordinadoras da sesión, Lara Barros Alfaro, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Tejerizo, quen subliñou que os espazos de xestión comunal “se conservan mellor en Galicia que noutros sitios de Europa” e que Casaio “é unha zona onde estes espazos foron e son moi importantes a día de hoxe como exemplo de xestión comunitaria do territorio”.

Publicidad

Abriu a sesión Ana Cabana Iglesia, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co relatorio “Comunidades rurais na historia contemporánea de Galicia: de mitos, fitos e conflitos”. Nel trazou un percorrido teórico sobre os conceptos do común e da comunidade para, posteriormente, centrarse no debate sobre os espazos comunais a partir das achegas dos historiógrafos galegos Xesús Balboa e José María Cardesín.

A análise da lexislación forestal vixente serviulle a Cabana para afondar na definición de comunidade e nalgunhas das súas problemáticas. Neste sentido, apuntou a “dificultade que supón para moitas comunidades adecuarse e botar fóra persoas que entenden que ‘moralmente’ e ‘culturalmente’ deberan ser parte da comunidade, pero non responden aos criterios da lei”.

Pola contra, existen tamén espazos comunitarios “que non admiten na comunidade persoas que cumpren coa normativa pero que non son vistas como parte dela”, afirmou. Na parte final da súa exposición falou da conflitividade nos montes veciñais galegos durante os séculos XIX e XX e profundou nalgúns casos de conflitos “dentro da comunidade, entre comunidades e entre comunidades e Estado”.

A continuación interveu Jesús Albarrán Deza, alcalde pedáneo de Ariego de Arriba (León) e integrante de Iniciativa Comunales e da Plataforma en Defensa de las Juntas Vecinales de Omaña, quen afondou no estado actual dos comunais da montaña de León. A análise das súas características, das súas potencialidades e principais problemas ou dos seus límites con respecto á xestión territorial e aos recursos naturais (pasto, auga, fontes de enerxía etc.) foron os eixes centrais do seu relatorio. Así mesmo, deu a coñecer algunhas iniciativas que están a promover “o recoñecemento, apoio e defensa dos comunais das nosas vilas”.

Pola súa banda, David Fontán Bestilleiro (USC) realizou unha aproximación histórica aos agroecosistemas de Laíño e Dodro para explicar como, a día de hoxe e malia os conflitos que rodean os espazos comunais, estes son vectores fundamentais para xestionar o territorio dun modo sostible.

A conflitividade dos montes veciñais foi, así mesmo, a temática principal do relatorio de Lara Barros Alfaro. Con base na súa experiencia como responsable do Proxecto Mulime, subliñou que “o carácter inmemorial da propiedade veciñal, fundamentada no uso e costume, fan da historia a súa fonte de dereito, por iso a investigación histórica resulta clave para abordar os conflitos e preitos que se dan no presente”. Ese diálogo entre o pasado e o presente resulta de grande utilidade para “extraer ideas e debates que poidan axudarnos a coñecer en maior medida a realidade dos montes veciñais”, explicou.

Sobre esta idea incidiu tamén Carlos Tejerizo García, da Universidad de Salamanca, quen subliñou “o longo percorrido” que teñen os espazos de xestión comunal, pois “os estudos máis recentes indican que se poden datar dende a época medieval”. Porén, tal e como explicou, esa longa historia non se está tendo en conta “á hora de valorar a súa importancia”, aínda que constitúan “unha forma de xestión futura do territorio que pode confrontar os grandes problemas do rural actual, como a sobreexplotación, o despoboamento ou a contaminación”.

Pechou a sesión Pablo López Gómez, da Universidad de Oviedo, cun relatorio en que deu a coñecer o traballo de investigación arqueolóxica que se está a levar a cabo en espazos comunais da montaña asturiana. Neste sentido, apuntou que “o enfoque arqueolóxico nos permite dar unha lectura diacrónica dos socioecosistemas locais ou rurais”, o que, á súa vez, posibilita “enlazar os estudos do pasado coa situación actual do rural”.

O programa continuou pola tarde cunha visita a Sobredo (alvarizas), Campo Romo e Pena Trevinca, tres espazos de xestión comunal localizados na zona de Casaio.