Novo Hospital de Día Onco-Hematolóxico en Valdeorras

Publicidad

Comenza a funcionar este luns 6 de decembro e foi visitado hoxe polo delegado da Xunta, Gabriel Alén

Odelegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da directora do Distrito do Hospital Comarcal de Valdeorras, Margarita Rodríguez, visitou hoxe, domingo, o Hospital Público de Valdeorras para anunciar que os e as pacientes deste centro hospitalario estrearán mañá luns o novo Hospital de Día Onco-Hematolóxico, a primeira das grandes reformas en marcha no centro público nas que a Xunta de Galicia está a investir 1.287909,48€, e que inclúen ademais a modernización e ampliación da Farmacia e da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria.

O delegado territorial explicou que as obras do novo Hospital de Día foron especialmente complexas xa que esixiron meses de traballos e pasos previos —para liberar as áreas a reformar—  ademais de habilitar os dous “hospitais móbiles” dos que dispón o Sergas para acoller esta delicada actividade asistencial, con marxes de seguridade e comodidade para manter este servizo no Barco, evitando así que os pacientes de Valdeorras tivesen que trasladarse a Ourense, para recibir os seus tratamentos de quimioterapia durante os traballos.

Gabriel Alén, sinalou que coa apertura das renovadas instalacións, totalmente equipadas e con moito mais espazo tanto na área de tratamentos como consultas, ábrese agora o prazo de arranque da ampliación da Unidade de Cirurxía Maior. En paralelo as obras de Farmacia están moi avanzadas, polo que agardase esteen dispoñibles nos próximos días.

Publicidad

Melloras en espazos e equipamento

O novo Hospital de Día, conta con cadeiras de tratamento con brazos, mais cómodas e separadas para favorecer a privacidade e a seguridade. Igualmente a unidade dotouse con camas lixeiras de fácil transporte, e un control de enfermería aberto  e amplo para facilitar o traballo asistencial con boa visibilidade de todos os postos.

Publicidad

Ademais a nova área oncolóxica tamén inclúe unha mellora moi esperada na área de consultas, que conta agora con dúas salas e unha área ampla área de espera con bancadas.

As obras tamén permitiron actuar para habilitar unha sala independente para o servizo de Endoscopias/Dixestivo, con dúas áreas incorporadas: unha dedicada á espera de consultas e outra á espera de probas.

Ampliación de Farmacia, Cirurxía Ambulatoria e Consultas

As obras que se están a realizar en Farmacia permitirán crear unha zona de recepción-dispensación; outra para a almacenaxe de material; localización da neveira de citostáticos e colocación dos EPI do persoal que traballa no interior das cabinas. Ademais, a reforma está a habilitar un espazo para o laboratorio e unha área especifica para a realización do reenvasado da medicación.

Co remate inminente das de Farmacia as que comezarán estes días son  as da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA), onde se vai a ampliar a zona de atención preoperatoria, cunha sala aberta e máis ampla, con áreas para camas e de cadeiras de brazos distribuídas de xeito que sexa posible a visión directa desde o control de enfermería, ademais de permitir, en caso necesario, o seu peche para manter a privacidade dos pacientes antes ou despois da súa entrada a quirófano.

Ademais desta obra, este verán a reactiváronse as obras de Consultas Externas, cun orzamento que se ampliou de 453.949,4 € a 649.907,57 € para executar as obras, que a Consellería de Sanidade lle encargou este verán á empresa pública TRAGSA.

As obras, actualmente en marcha, cun prazo de execución de 12 meses,  que teñen por obxectivo a reforma e actualización da área de consultas externas, a dotación dun sistema de quenda, instalar un novo ascensor-montacamas, mellorar o confort térmico da área de Rehabilitación e espera da Resonancia Magnética, e das consultas externas, instalando nos accesos unha cortina modular de aire con control intelixente e portas corredizas automáticas.