A profesora coordinadora de Dinamización Lingüística do IES Martaguisela fala da aposta do instituto polo galego coa revista Saldoira e da proxección que fai do Día das Letras Galegas
Marta Cortés, coordinadora de Dinamización Lingüística do IES Martaguisela do Barco (profesora de Música), natural do Castro Caldelas (aínda que ademáis de caldelá tamén se considera valdeorresa pois leva 30 anos no Barco de Valdeorras), pon en valor a revista do centro Saldoira, que edita o centro desde hai 21 anos, como unha aposta pola lingua galega.
Valdeorras de Cerca: A revista Saldoira do IES Martaguisela é toda unha aposta pola lingua galega
Marta Cortés: Éo, sen dúbida. Saldoira é parte dun proxecto que facemos a principio de curso de dinamización lingüística, e unha das actividades «estrela» de dinamización e unha escolma de todas as actividades que se fan no centro. E logo, conta coa parte emocional e sentimental pois os rapaces din que volven á revista cando pasa o tempo, lembran aqueles anos, aqueles profesores e anécdotas… Escriben profesores e alumnado sobre diferentes contidos. Saldoira é un marco moi aberto para toda a comunidade educativa, un marco de expresión e de recollida do que da de si o curso escolar.
V de Cerca: Esta revista cumpliu 21 anos, ¿que impacto ten?
Marta Cortés: O principal impacto é a difusión dinamizadora da lingua galega, vai íntegramente en galego, é un eixe que nos pon a todos en común arredor da lingua. E ten relevancia tamén o feito de que é en papel, tendo en conta estes tempos dixitais. O alumnado demanda esta revista. E seguiremos facéndoa mentres o IES Martaguisela siga apostando por este traballo, que ten carácter anual.
V de Cerca: Imos camiño do Día das Letras Galegas, ¿fálase galego?
Marta Cortés: Esta zona ten especial dificultade pola súa situación xeográfica. Estamos máis cerca de Castela e León que de Galicia. Esto condiciona. Somos tamén centros de paso, hai migración e iso afecta. Pero nos seguimos fomentando a lingua. «Saldoira» é unha forma de conservar a lingua, e moi exitosa. Hai que amosarlle ao alumnado e ao profesorado que o galego é unha lingua vehicular que vale para calquera uso e contexto ao tempo que a revista difunde a nosas actividades.
V de Cerca: Hai quen di que o galego morre…
Marta Cortés: Non o sei, non o quero pensar. Hai que seguir traballando para que non morra. A lingua galega é o que nos identifica, nos da identidade, nun mundo plural no que queremos sumar. A lingua nunca pode ser un problema, sempre é unha enorme riqueza, ¡coidémola! Somos moi afortunados de ter lingua propia.
V de Cerca: O IES Martaguisela colocará o 13 de maio unha exposición no Paseo do Malecón do Día das Letras…
Marta Cortés: É unha exposición do alumnado arredor da obra «Circe ou o pracer do azul» de Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Facemos como nas «fallas», unha obra de arte efímera que ten proxección na rúa, pero cada ano é vandalizada, algo que é moi doloroso, de xeito que pedimos respecto. Tamén haberá nos escaparates comerciais frases da obra de Begoña Caamaño alusivas ao empoderamento fiminino, á muller etc. Esta iniciativa faise en colaboración co Centro Comercial Aberto o Barco e outros centros educativos de Valdeorras.







