Larouco acolleu a clausura dos proxectos Enrede e RíoConcilia

Publicidad

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López, dixo que a Xunta destinou 40.000 euros a ditos programas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na clausura da presentación dos proxectos #Enrede e #RíoConcilia que desenvolveron os concellos ourensás de Larouco e San Xoán de Río co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Deste xeito, a Xunta, a través do desenvolvemento destas actividades, apoiou a conciliación corresponsable e a promoción da igualdade e a prevención contra a violencia de xénero nestas dúas localidades.

Estiveron presentes a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, e tamén monitoras dos talleres dos programas ademais dun nutrido grupo de mulleres.

As participantes no programa suliñaron a relevancia de ditos proxectos, que para elas supuxeron reforzar as relacións sociais e a dinamización da vida en ambas localidades.

Publicidad

E as monitoras plantexaron a necesidade de que este tipo de proxectos teñan financiación todo o ano e non só durante o verán.

Enrede: participación en feminino, que promoveu o liderado da muller, recibiu un financiamento de máis de 26.200 euros, mentres que RíoConcilia, no que participaron entre xuño e setembro unha trintena de nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, contou cun máis de 14.800 euros de apoio, o que en total sumou máis de 40.000 euros.

López Abella puxo en valor o programa autonómico de axudas para impulsar en toda Galicia non só o desenvolvemento de actividades encamiñadas a impulsar a igualdade entre mulleres e homes e a promover a conciliación corresponsable, senón tamén a apoiar os centros de información á muller.

A Xunta investiu neste programa con tres liñas de financiamento diferenciadas 1,6 millóns de euros este ano na provincia de Ourense.

López Abella apuntou que a promoción da igualdade, a loita contra a violencia de xénero e o impulso da conciliación corresponsable son eixos prioritario das políticas de igualdade da Xunta. Ademais dos diferentes programas de axudas, lembrou que a nova Lei autonómica para a igualdade efectiva entre mulleres e homes prestará especial interese á igualdade e o benestar laboral e á conciliación da vida persoal e profesional.

Así mesmo, a finais deste ano está previsto finalizar a avaliación completa do I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade (2018-2021) e presentar o II Plan, que terá unha vixencia ata 2027.

Segundo López Abella, é preciso “seguir avanzando nun modelo de sociedade de roles compartidos e equilibrados e é importante un cambio de actitude, a xeración dunha nova cultura a favor da igualdade e o benestar laboral, valores que se deberían ir interiorizando desde idades temperás”, rematou.