A Xunta inicia o Plan para intensificar a calidade e sustentabilidade nos servizos turísticos públicos do Camiño

Publicidad

Desenvolve xornadas informativas nas catro provincias de Galicia e a iniciativa se fai en colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES)

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, e o director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), Fernando Fraile, abriron a primeira das distintas xornadas informativas que se van realizar esta semana para dar a coñecer aos concellos da ruta xacobea o novo plan do Goberno autonómico para intensificar a calidade e sustentabilidade turística no Camiño de Santiago. É unha das medidas do Plan de Acción de Calidade e Sustentabilidade Turística 2024 da Xunta de Galicia que conta cun investimento global de máis de 500.000 euros.

En concreto, este novo proxecto que comenza consiste en apoiar a implementación e certificación da S de Sustentabilidade Turística e Q de Calidade Turística en distintos recursos de xestión pública vinculados co Camiño de Santiago. Deste xeito, promoveranse as certificacións en espazos singulares, oficinas de información turística, museos, instalacións náutico deportivas, praias, transporte turístico, espazos naturais protexidos ou albergues, entre outros, situados nalgún dos itinerarios do Camiño de Santiago. Como explicou o xerente de Turismo de Galicia, como novidade, poderán incorporarse á certificación S de Sustentabilidade turística tamén os albergues de Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago.

O obxectivo global desta iniciativa é acadar 20 novas marcas Q de Calidade e 80 novas marcas S de Sustentabilidade ao remate de 2024 nestes entornos xacobeos. Ademais desta reunión que se celebrou en Santiago de Compostela, durante esta semana iranse sucedendo máis encontros nas distintas provincias. Esta tarde será a quenda da cidade da Coruña. Mañá martes será a quenda da provincia de Lugo pola mañá e de Ourense pola tarde. As xornadas terminarán en Pontevedra este mércores.

Publicidad

Plan de Calidade 2024

Esta é unha das medidas do Plan que a Xunta ten en marcha este ano para reforzar a calidade do destino galego. Inclúense tamén dar continuidade ao apoio aos destinos SICTED e, no eido privado, seguir impulsando que as certificacións de calidade cheguen tamén a cada vez máis empresas turísticas. E, como complemento, tamén se incrementará nun 23% a contía das axudas anuais para apoiar a establecementos e servizos turísticos de xestión pública ou privados nos procesos de certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade ou a S de Sostibilidade.

Con este novo Plan de Acción, o Goberno autonómico avanza no seu traballo pola busca da excelencia do destino con cada vez máis establecementos e servizos turísticos certificados pola súa calidade e aposta pola sustentabilidade. A día de hoxe, Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con maior número de Q de Calidade Turística, só por detrás de Andalucía. Pechou o ano 2023 con 315 entidades adheridas (255 de xestión privada e 58 de xestión pública). No que se refire á S de Sustentabilidade Turística, Galicia ten certificadas actualmente 39 entidades e ocupa o cuarto posto en número de entidades con esta distinción