O presidente da Deputación valorou moi positivamente o orzamento da Xunta para 2026
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, valorou moi positivamente o orzamento previsto pola Xunta de Galicia para a provincia no 2026, que «executa o 70 por cento dos compromisos en todos os ámbitos e supón un incremento do 9,4 por cento dos fondos adicados á provincia», dixo.
Destacou que «frente os que din que Ourense está infra financiada, que é unha Cenicienta, o dato é que somos a segunda provincia de Galicia que recibe maior financiamento por habitante, despois de Lugo, e que ademáis estamos a 55 euros de ser a primeira».
Luis Menor dixo que a inversión destinada pola Xunta é de 1.733 millóns de euros na provincia de Ourense cun gasto por habitante «que é o que máis crece «, indicou, (5.699 euros por habitante fronte aos 5.754€ de Lugo). «Estou satisfeito», engadiu.
O presuposto da Xunta para 2026 será de 14.240 M€, as cifras máis elevadas da súa historia. Luis Menor dixo que hai unha posta por todos os ámbitos. Citou a inversión na sanidade: «Me enche de orguio e confianza que non so actuamos na cidade, con novos edificios no CHUO, senón tamén na provincia onde temos en construción o centro de saúde da Rúa; adxudicados o centros de Boborás e Muiños e e hai dous novos as portas, o de Carballiño e o de Montederramo» e todo iso, unido a Unidade do Ictus, acredita a inversión», apuntou Luis Menor.
Falou tamén da aposta polo chan industrial en Ourense e na provincia (Carballiño, Maside, Pereiro de Aguiar, Xinzo e Paderne) e o impulso á vivenda pública.
OU-533: O AVE
No apartado de infraestruturas viarias citou a circunvalación en torno da cidade de Ourense, o novo acceso da N-525, a mellora da N-540 (que une con Portugal) e da OU-533, clave esta última para comarcas como Verín e Valdeorras.
«Temos unha dedicación moi especial a Valdeorras, comarca alonxada que precisa unha mellora das comunicacións. De aí que se priorizou o arranxo da carretera OU-533, os 15 kilómetros entre A Gudiña e Viana do Bolo, con 15,2 millóns de euros. Esta é a forma de levar o AVE a esta comarca», expresou o presidente da Deputación.
E citou outras inversións como a base de Antela para reforzar a loita cos incendios; o regadío da Limia, o primeiro instituto que se construirá na provincia en 20 anos, no Pereiro de Aguiar (para 380 rapaces, con 9,5 millóns de euros); a mellora de centros escolares e do Campus da Auga e o Parque Acuático de Monterrei, entre outras moitas.
Lumes
Luis Menor tamén falou de que nas comisións informativas da Deputación abordarase unha modificación orzamentaria de 6,1 millóns de euros, cos que o ente provincial quere colaborar ás reparacións polo lume nos municipios máis afectados así como outras obras en concellos da provincia.
O presidente da Deputación tamén insistiu na necesidade de que o Ministerio de Facenda revogue a lexislación que lles impide investir en proxectos os remanentes de tesourería, e ter autonomía para facer as inversións.






