Aumenta un 2,69% fronte a 2025 e destina máis da metade de gasto as retribucións do personal
O grupo de goberno socialista do Concello do Barco presenta este xoves día 23 de abril, nun pleno extraordinario, o Orzamento Xeral de 2026, que ascende a un total de 11.986.820 €. Fronte ao presentado no ano 2025, rexistra un incremento de 313.453 €, o que supón un 2,69% máis respecto ao exercicio anterior.
No capítulo de ingresos, as transferencias correntes (6.275.666 € – 52,35 %) representan a principal fonte de financiamento do Concello, integrando transferencias procedentes doutras administracións públicas, especialmente participación en tributos do Estado e achegas da Comunidade Autónoma e da Deputación.
No capítulo de gastos, o de persoal constitúe o principal bloque de gasto municipal (6.191.708 €), destinado a retribucións do persoal funcionario, laboral e eventual, así cómo cotizacións sociais e demais gastos asociados. Trátase dun capítulo que se incrementou do 49,28 % do 2025, ao 51,65 % no 2026, debido ao incremento salarial e á aplicación íntegra da RPT.
Neste mesmo capítulo, reflíctense os 582.200,43 € destinados á partida de investimentos municipais en infraestruturas, equipamentos, melloras urbanas e actuacións de conservación e modernización do municipio. Hai que destacar neste apartado, entre outras, a obra de conexión do depósito de Coedo coa rede urbana do Barco, importantes inversións en reasfaltado, pintado e reparación das vías municipais, continuación dun plan plurianual de dotacións de biondas en diversos puntos das estradas do concello, renovación de mobiliario urbano e parques infantís, e obras de adecuación na piscina infantil de verán.
Aínda que non están dentro destes orzamentos, este capítulo compleméntase con actuacións e inversións que se están a levar a cabo en colaboración con outras administracións, reflictidas na partida de crédito extraordinario e suplementos de crédito, cuxa contía se eleva ata os case 6 millóns de euros (5.837.566 €) en total.
Obras
No referente ás concesións de crédito extraordinario, o Concello do Barco ten orzamentados un total de 871.248,80 €, que se empregarán en diferentes obras que se están levando adiante, como instalacións deportivas, para as que o investimento dedícase a reposición, construción e edificación como é o caso do liner e playa da piscina municipal infantil.
Tamén se investirán en obras de pavimentación e reparación de pavimentos de vías públicas; saneamento, abastecemento e pluviais nas rúas Soto de Yáñez e Rúa da Veiguiña; administración xeral de vivenda e urbanismo na redacción de proxectos PAI (Plan de Actuación Integral); mellora de camiños rurais 2026-2027 en Éntoma e A Veiga de Cascallá; e renovación do alumeado público en Santigoso e Vilanova.
No referente ás concesións de suplemento de crédito, o Concello do Barco ten orzamentados un total de 4.521.478,26 €, que se empregarán en diferentes obras, as máis destacadas, a mellora na rede de saneamento do Barco, as actuacións na rúa Xirimil polo futuro paso inferior baixo a vía do tren, e o proxecto de humanización da Praza Maior.
Orzamento equilibrado
O Orzamento Xeral do Concello do Barco para o exercicio 2026, preséntase como un orzamento equilibrado, prudente e axustado ás necesidades reais do municipio, garantindo a continuidade dos servizos públicos esenciais e permitindo soster actuacións de mellora e mantemento no ámbito municipal, segundo o grupo de goberno.
O Concello do Barco segue a non ter que afrontar plans de pago a provedores, e tampouco está previsto pedir préstamos hipotecarios. O Orzamento Municipal para o ano 2026 é un documento equilibrado e realista, tanto nos seus ingresos como nos gastos previstos, orientado aos obxectivos de garantir o funcionamento ordinario da administración municipal, asegurar a sustentabilidade financieira do Concello, manter o esforzo no gasto social e na mellora da calidade de vida da cidadanía, cunha forte aposta polas políticas sociais.
Ademais busca consolidar o compromiso municipal co tecido asociativo, mantendo un nivel de investimento municipal dentro das posibilidades orzamentarias existentes, e impulsando as políticas culturais entendidas como un elemento estratéxico para o desenvolvemento local, a cohesión social e a promoción da identidade do municipio.









