Presentará unha moción no pleno de decembro desta iniciativa que abrangue obradoiros de grafitti e tatuaxes, concursos de skate, baloncesto e BMX
O grupo municipal do BNG levará ao pleno ordinario deste mes de decembro unha moción na que propón que o Concello do Barco promova a creación dun festival de arte e música urbana do Barco.
Afirma que O Barco dispón dunha boa oferta cultural, que abrangue teatro, cinema comercial ou de autor e diferentes actividades no verán, como o Ciclo De Perto. Asemade, estas actividades vense complementadas polo SilFest, que ainda que é xestionado de forma privada, conta coa colaboración das administracións.
Por iso, o BNG considera que é bo explorar novos camiños. «Falta un gran evento gratuíto cando chega o bo tempo e facer mellor uso da zona do río», expón.
O BNG propón a creación dun festival de arte e música urbana para a promoción dun tipo de cultura «que hoxe en día non se ofrece no concello». O festival tería actividades como concertos de música hip hop, nu-metal, punk ou urbana; DJ´s e obradoiro de grafitti. «Para isto pódense poñer paneis de madeira contra o muro do malecón para poder realizar grafitti baixo supervisión», expón.
Tamén —engade— podería contar cun obradoiro de tatuaxe. A diferenza do anterior, non se trataría un taller no que os participantes poidan tatuar. «A idea deste obradoiro é que o tatuador/a que imparta a clase poida facer algúns tatuaxes en directo a voluntarios por un prezo pechado (tamén chamado flash day), explicando aos asistentes a técnica, tintas empregadas, etc».
Ademáis, contaría con concurso de Skate amateur, no skate park; Concurso de BMX (tamén de modo amateur no que os concursantes realizan unha ruta no menor tempo posible. «A ruta dende O Castro ata o malecón pasando por Veigadecabo sería unha das candidatas para este concurso» e concurso de baloncesto 3×3 (a realizar nas pistas de baloncesto das piscinas).
O BNG sinala que as datas poden ser finais de maio ou principios de xuño, na zona do río (no Maelcón) e casco urbano cunha duración de un ou dous días.
A idea pasa por un festival pequeno na primeira edición que podería pasar a xestionarse en edicións futuras por unha organización tal e como se fai con outros festivais.
O BNG estima que tería un impacto económico positivo para a hostalería e o comercio local.






