Levará ao pleno de xullo unha moción na que plantexa axuda técnica ás comunidades e incluso subvencións para reparacións, entre outras
O grupo municipal do BNG do Barco de Valderoras levará ao pleno do mes de xullo unha moción na que propón «maior implicación do Concello cos problemas de abastecemento de auga no municipio».
O portavoz, Manuel Agra, di que «O Concello, como administración máis próxima á veciñanza afectada por frecuentes problemas de subministro de auga potable, debe poñerse á fronte e implicarse en solucionar deficiencias. Non pode desentenderse alegando que é unha traída privada se a auga deixa de ser apta para o consumo, polo motivo que sexa».
Plantexa que o Concello do Barco aporte axuda técnica e apoio subsidiario para:
- Limpeza das captacións: O Concello colaborará cos veciños e veciñas nos labores de retirada de lodos, cinzas ou pedras poñendo ao seu dispor operarios e maquinaria municipal.
- Asesoramento técnico: O Concello creará un protocolo de apoio técnico permanente para a mellora dos sistemas de cloración e filtrado destas redes veciñais, sen custos de enxeñería para as comunidades.
Tamén, que de garantía de abastecemento alternativo inmediato mediante:
- Un protocolo de urxencia automatizado: instar o Concello e Consorcio de Augas de Valdeorras a activar automaticamente camións cisterna e fontes de auga portátil en canto se detecte turbidez nas redes polos arrastres.
- Transparencia e información pública: instar ao Concello a informar á veciñanza de forma inmediata sobre a calidade real da auga e analíticas cando existan dúbidas da potabilidade.
O BNG plantexará ademáis que o Concello do Barco conte con liña de axudas económicas municipais con:
- Subvencións para reparacións: Crear unha partida orzamentaria específica nos orzamentos para axudar as comunidades de usuarios a financiar averías estruturais nas tubaxes ou depósitos derivados das catástrofes naturais (incendios, desprendementos).
O BNG tamén propón facer unha auditoria e un plan de transición ao sistema público (se fose solicitado polas comunidades) con:
- Inventario e diagnóstico de traídas: O Concello fará un estudo do estado das traídas privadas do municipio para detectar deficiencias graves.
- Facilidades para municipalización. Se algunha comunidade de veciños e veciñas o solicita que non haxa custos de adaptación técnica inicial para a veciñanza.
E, por último, o BNG propoñerá instar a Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural e Augas de Galicia) a executar de urxencia un plan de consolidación e reforestación do solo nas ladeiras queimadas que afectan ás concas dos ríos e regatos do municipio.





