15.2 C
O Barco de Valdeorras
sábado, junio 6, 2026

O BNG defenderá no Barco mocións que piden un Instituto da Muller e rexeitan o acordo MERCOSUR-UE

Manuel Agra, BNG de O Barco
Publicidad

Levará as propostas ao pleno ordinario de marzo

O grupo municipal do BNG do Barco de Valdeorras levará ao pleno ordinario de marzo dúas mocións, unha en apoio a reivindicacións do feminismo galego, con motivo da celebración do Día da Muller o 8 de marzo, e outra de rexeitamento do acordo UE-MERCOSUR, apoiando o sector agrogandeiro.

Na moción sobre o 8M, o BNG propón ao pleno da Corporación reclamar á Xunta de Galiza a promoción dun acordo para a creación do Instituto Galego das Mulleres como un organismo público que promova e fortaleza as políticas de igualdade de forma transversal en todos os ámbitos da vida social, económica, cultural e política de Galiza.

Para tal fin, «o Instituto contará con personalidade xurídica propia, orzamento propio, autonomía de xestión e plena capacidade de obrar para o exercicio das súas función e terá como obxectivo a promoción das condicións que promovan a igualdade e supriman todos os obstáculos que a impiden así como a eliminación de todas as formas de discriminación das mulleres en Galiza», expón.

Publicidad

Ademáis, a moción busca o acordo de instar á Xunta de Galiza a impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os  Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados, impulsar a fixación de rateos mínimas de persoal e favorecer a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM.

Moción MERCOSUR

No que se refire a moción sobre MERCOSUR, lembra o BNG que desde o día 29 de decembro de 2025, o sector agrogandeiro galego está a mobilizarse na demanda de reivindicacións xustas e, sobre todo, a favor da pervivencia do medio rural.

O BNG propoñerá ao pleno da Corporación os seguintes acordos:

Oporse ao acordo MERCOSUR-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego e transmitir esta posición ao Congreso dos Deputados, ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea.

  • Rexeitar de forma clara e rotunda a proposta da presidenta da Comisión Europea de recortar máis dun 22% os fondos destinados á Política Agraria Común para o período 2028-2034.
  • Esixir para o novo período da PAC 2028-2034 unha mellora do financiamento destinado a Galiza
  • Establecer por parte da Xunta de Galiza, de xeito inminente, a vacinación gratuíta contra a Dermatose Nodular Contaxiosa, a realizar por persoal propio da Consellaría antes da chegada da enfermidade ao noso país, como medida preventiva fundamental.
  • Establecer medidas adicionais por parte da Consellaría do Medio Rural para previr a entrada en Galiza da DNC.Exixir da Xunta de Galiza que as indemnizacións por animal nos casos de baleiro sanitario (DNC) estean actualizadas segundo o prezo real de mercado do gando.
  • Modificar e simplificar as normativas de aplicación da PAC en Galiza, tendo en conta a nosa especificidade, evitando criterios diverxentes entre consellarías. No Comité de Seguimento do PEPAC establecerase unha mesa de traballo específica para combater a burocratización da tramitación das axudas, permitindo a simplificación dos procedementos administrativos e a unificación de criterios.
  • Promover unha reforma da Lei da Cadea Alimentar con indexación e referencias a marxes comerciais non abusivas, mellorando o coñecemento dos custos de produción mediante estudos específicos e a implantación dunha rede de explotacións que permita obter datos reais das distintas orientacións produtivas.