Florenciada en Córgomo o 16 de maio para festexar as Letras Galegas

Florenciada en Córgomo Fundación Florencio Delgado Gurriarán
Publicidad

Organiza a Fundación Florencio Delgado Gurriarán e haberá feira de artesanía, música, obradoiros de xogos tradicionais, baile e bolos e unha exposición guiada sobre Begoña Caamaño

O próximo sábado 16 de maio, a celebración das Letras Galegas volverá encher a aldea de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, de artesanía, música, baile e encontro na terceira edición da Florenciada. A primeira fóra no 2022, coincidindo coa homenaxe da Real Academia Galega a Florencio Delgado Gurriarán.

A cita recuperouse con gran éxito no 2025, enchendo de público e ambiente festivo as rúas da vila natal do poeta. Así que este ano, a Fundación Florencio Delgado Gurriarán, organizadora do evento, dá un paso máis na súa consolidación na axenda cultural valdeorresa adiantándoa un día, evitando coincidir coa programación cultural do 17 de maio en cada concello. 

A xerente da Fundación, Débora Álvarez Moldes, explica que este adianto «é a mellor maneira de que toda a comarca poida asistir á Florenciada sen ter que escoller entre os plans culturais dos seus concellos e o de Córgomo.»

Publicidad

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, destacou que será unha fin de semana coa a lingua, a literatura e cultura galega como protagonistas e que a Florenciada «é un evento propio e único no que rememoramos e consolidamos o espírito das Letras de Florencio que tantas alegrías nos deu no 2022». 

A Florenciada organízase co apoio da Deputación de Ourense, o Concello de Vilamartín e mais a colaboración da veciñanza corgomesa, que de novo impulsa esta festa da cultura galega que chega con algunhas novidades. Unha delas é o obradoiro de xogos tradicionais para a cativada que estará aberto de 11:00 a 13:00 h na Aira dos Bolos.

Os enredos terán unha ambientación literaria baseada na obra Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nestas Letras Galegas. O mundo medieval de Morgana, irmá do rei na tradición artúrica, será o contexto de xogos como carreiras de sacos, carreiras de ovos  ou tiros con arco.

Begoña Caamaño tamén estará presente na Casa do Pobo cunha exposición aberta ao público e da que se realizarán dúas visitas guiadas por Débora Álvarez ás 12:30h e ás 16.30h. En canto ao obradoiro de foliada, no que o ano pasado participaron case cen persoas, desta vez será de mañá, comezando ás 13 horas.

Outra novidade desta edición é que os bolos volverán ralbar na Aira corgomesa, cun obradoiro para aprender a dinámica do xogo conducido polo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, a partires das 17 horas. O rexedor destacou como este é unha festa de encontro arredor da cultura convidando a toda a veciñanza de Valdeorras a achegarse ese día a Córgomo.

Feira de artesáns, música e zona de xantar 

Un dos pratos fortes da Florenciada é a feira de artesáns de Valdeorras, que abrirá ás 12 horas e á que este ano se suman novos postos, sendo preto de vinte os negocios con produtos para a venda e degustación in situ, con mel, licores, doces, queixos, artesanía de madeira, resina e louxa. Xunto a eles, por vez primeira, haberá un espazo para as librarías da comarca. 

Para o xantar, a organización disporá de mesas e cadeiras con sombra colocadas pola vila. Haberá un posto de polbo, outro para mercar arroz dunha paella xigante ou outros moitos petiscos que os visitantes poderán levar aos comedores habilitados na Aira das Guerras ou na Casa da Cruz, a casa natal de Florencio e que xa o ano pasado foi habilitada para o xantar popular.

Todo este ambiente festivo estará animado polos cantos de taberna dos grupos Charangateiros, Macizas Centrais, Pándega e Abertal. Os actos rematarán ás 19,00 horas. Dende a Fundación Florencio Delgado Gurriarán anímase a toda a veciñanza a participar, mantendo viva unha cita que dende a súa primeira edición se demostrou como un espazo de encontro e celebración da cultura galega.

PROGRAMA

  • 11.00 horas Xogos tradicionais con ambientación literaria baseada na obra de Begoña Caamaño.
  • 12.00 horas Apertura da Feira de Artesáns.
  • 12.30 horas Visita guiada á exposición Begoña Caamaño.
  • 13.00 horas Obradoiro de baile tradicional aberto ao público e comezo dos cantos de Taberna.
  • 14.00 horas Apertura dos postos de xantar e dos comedores.
  • 16.30 horas Visita guiada á exposición Begoña Caamaño.
  • 17.00 horas Obradoiro de xogo de bolos tradicionais.
  • 19:00 horas       Peche do evento.