A «Florenciada» volve a Córgomo o Día das Letras Galegas

Publicidad

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán organiza unha festa da cultura o 17 de maio con feira de artesanía, zona de xantar, música, cantos de taberna, padereteiras e cantarenas

Hai tres anos a Aira dos Bolos de Córgomo se convertía no epicentro da cultura galega grazas á celebración das Letras Galegas dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán. Os seguintes anos, a cita continuou cunha feira organizada pola Asociación de Mulleres da vila. Neste 2025, toma o relevo a Fundación Florencio Delgado Gurriarán, co apoio da Deputación de Ourense, organizando unha festa da cultura galega en colaboración coa veciñanza de Córgomo.

O sábado 17 de maio Valdeorras está convocada para gozar en Córgomo do Día das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras. O programa arranca ás doce da mañá e inclúe unha feira de artesanía, unha zona de xantar, música, cantos de taberna, pandereteiras e cantarenas pola vila.

A recuperación da Florenciada foi un obxectivo da Fundación Florencio Delgado Gurriarán dende a súa creación, pois aínda se mantén fresca a memoria da xornada tan alegre vivida nas Letras de 2022. Naquela ocasión, toda a vila de Córgomo implicouse no evento e este ano non será menos.

Publicidad

As 12,00 horas da mañá abrirá na Aira dos Bolos unha feira de artesáns e produtores de Valdeorras organizado polas veciñas. Un pouco despois, cara as 13 horas, comezarán os cantos de taberna pola vila, cos Charangaiteiros. Haberá posto de polbo, embutidos e panadería e os que se acheguen á vila poderán xantar nas mesas colocadas na Aira das Guerras, que estará cuberta.

As 15,00 horas volverá a música, cos Pándega, e a partires das 17 horas arrancará unha gran foliada con Abertal, que acudirá á cita con gaiteiros e pandereteiras. E as 19,00 haberá cantarenas pola localidade cos Parrandas.

Aparte da festa e cantos por parte dos grupos, habilitarase tamén un escenario con micro aberto para animar ao canto espontáneo de coplas.

Camiñada a Corgomo

Como apertura do día, a Fundación celebra ademais unha camiñada dende Arcos ata a aldea natal de Florencio, pasando por algúns lugares trascendentais da súa biografía, como o río Farelos ou Portela. Durante a andaina —que partirá ás 10 da mañá da Praza das Cegoñas— contarase co acompañamento de anfitrións locais que explicarán a historia dos lugares. Para participar é preciso inscribirse na páxina web da fundación, xa que as prazas son limitadas. O percorrido é de preto de cinco quilómetros e durará unhas dúas horas, chegando a Córgomo para o inicio da feira.

O programa

  • 10.00 horas Camiñada a Córgomo
  • 12.00 horas Inauguración da Feira de Artesáns (apertura dende as 11.00h)
  • 13.00 horas Grupo Charangaiteiros
  • 14.00 horas Xantar popular
  • 15.00 horas Grupo Pándega
  • 17.00 horas Foliada con Abertal
  • 19.00 horas Cantarenas pola vila cos Parrandas