Celebrou a súa última xornada en Larouco, incluíndo unha visita guiada ao BIC das covas de Seadur
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán pechou as Xornadas Culturais do ano 2026 dedicadas ao monte cun encontro dedicado ao seu valor cultural. Foi na Casa da Cultura de Larouco, coa xornada «Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural» na que interviñeron especialistas en patrimonio, arqueoloxía e natureza, analizando o monte como parte da nosa identidade construída.
Participaron Teresa Nieto, arquitecta e coordinadora da Sección de Patrimonio do Consello da Cultura Galega, Carlos Tejerizo, arqueólogo e membro de Sputnik Labrego, e Cristina Fernández, educadora ambiental e actual guía do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
Tralas palestras iniciais houbo un coloquio con expertos en educación e divulgación ambiental con profesionais da comarca valdeorresa como Pedro Domínguez Pérez, co-propietario do proxecto Eco dos Teixos de Casaio, e Felipe Morales, divulgador e educador no IES Martaguisela do Barco.
Tamén estiveron Ovidio Villa Marco, docente do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, e Rebeca Casal Vegal, quen coordina un proxecto europeo de robótica con nenas de Primaria no Bierzo; e Miguel Conde, educador ambiental experto en espazos naturais.

A xornada, conducida pola comunicadora e técnico de Turismo do Barco de Valdeorras Diana Ramos, foi o sábado 13 de xuño e rematou cunha cata para os poñentes na Cova os Bidueiros de Seadur a cargo pola enóloga Cristina Murga.
Ao día seguinte, domingo 14 de xuño, o programa completouse cunha visita polas covas de Seadur coa arquitecta técnica e investigadora Carina Rodríguez, quen elaborou o proxecto para defender a súa declaración como Ben de Interese Cultural. Ambas actividades foron organizadas co apoio da Deputación de Ourense e a colaboración do Concello de Larouco.
Teresa Nieto
A xornada comezou analizando o concepto de paisaxe cultural por parte de Teresa Nieto, quen reivindicou formentar unha mellor coordinación entre as dúas ferramentas administrativas que permiten protexelas: a ordenación urbanística e a protección do Patrimonio. Para ela segue existindo unha idea redutora da paisaxe e do patrimonio sen unha estratexia que incorpore usos tradicionais do territorio e outros valores inmateriais.

Puxo como exemplo de protección da paisaxe cultural o modelo dos «territorialistas», un colectivo italiano que entende o territorio como un ben común que se analiza dende a multidisciplinariedade e favorecendo a xestión local e participativa.
Carlos Tejerizo
Carlos Tejerizo, arqueólogo do colectivo Sputnik Labrego, coincidiu na importancia do fomentar o apego das comunidades locais polo seu patrimonio ou como mínimo, saber identificalo, de maneira que as políticas de protección cultural vaian acordes aos intereses da xente á que representan.

Puxo como exemplo a Mina de Valborraz ou o bosque do Teixadal, en Casaio, que a veciñanza tratou de defender das lapas do lume do pasado agosto ao consideralas parte da súa identidade no «longo relato histórico».
Cristina Sánchez
Tras el, interveu Cristina Sánchez, educadora ambiental e actual guía do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra quen comezou preguntando á sala se algunha vez estiveran nel, xa que é un dos parques menos coñecidos de Galicia.

Tras repasar os seus valores ambientais, de fauna e de flora, detívose na potencialidade das plantas aromáticas e medicinais, das que levou a Larouco algúns exemplos. Para ela, representan non só un valor de biodiversidade, mais a memoria dos usos que a xente facía delas, convertendo a paisaxe nunha historia humana, na que o patrimonio é a xente.
Ovidio Villa
Tralas palestras iniciais foi a quenda das iniciativas educativas e ambientalistas, cun coloquio no que o primeiro en intervir foi o Ovidio Villa Marco, profesor no IES Carlos Casares de Viana do Bolo quen presentou varias iniciativas do centro conectadas co territorio como o proxecto Glaciar ou a análise científica dos lumes forestais que abordaron na aula a petición do propio alumnado.

Para el, o importante é darlle voz ao estudantado, moi concienciado tralos acontecementos do pasado verán, e que deseñou unha campaña contra o lume que inclúe adhesivos, camisetas, vídeos e ata un poema que acabou convertido en música a través dunha aplicación de intelixencia artificial.
Rebeca Casal
O uso das novas tecnoloxías para transformar a súa realidade foi tamén o eixo da presentación de Rebeca Casal Vegal, quen viaxou dende O Bierzo, onde traballa, coas Powercode Girls —Alba Fernández Abad, Iria Criado Sánchez e Carla García Laguna— un grupo de rapazas de Primaria coas que participa dun programa europeo de fomento das novas tecnoloxías.

Con elas creou unha aplicación chamada Alerta Forestal, no que se pode compartir información en tempo real dos lumes detectados preto da casa. Tamén permite xogar aprendendo a manter os montes limpos, as especies que mellor resisten ao lume ou como clasificar os seus niveis.

Felipe Morales
Todos os docentes destacaron o impacto que os incendios forestais do 2025 tiveron na xente, algo que tamén destacou o biólogo e docente Felipe Morales Rodríguez, quen a través do seu perfil en redes sociais: Profesor Tejón, estivo informando en tempo real dos lumes de Valdeorras, con vídeos que superan o millón de visitas.

Tamén foi moi activo promovendo estratexias de alimentación da fauna salvaxe e reivindicando axudas reais e efectivas para pobos afectados polo lume, como San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, poñendo o foco no valor das redes sociais como ferramenta para crear conciencia e fomentar a transformación social.
Pedro Domínguez
Pedro Domínguez Pérez comezou a súa intervención explicando os inicios do proxecto Eco dos Teixos, un albergue e espazo educativo de montaña que creou xunto á súa parella Elba Rodríguez, en Casaio, inspirados en parte pola implicación co territorio que demostraban os traballos de Sputnik Labrego, deténdose nas actividades educativas e de coñecemento da contorna que realizan dende o albergue.

Domínguez defendeu que, como o seu, hai outros modelos non extractivistas para vivir no territorio, sinalando que ao igual que a minería, a rexeneración do monte pode ser unha fonte de emprego e riqueza. A súa é a contorna natural de Casaio e Trevinca e por iso, rematou lamentando que negocios como o seu non foran tidos en conta nas axudas da administración tralos lumes.
Miguel Conde
O último en intervir foi Miguel Conde, quen fixo un repaso polos espazos naturais protexidos de Galicia que considera escasos e mal distribuídos, xa que na provincia de Lugo non existe ningún parque natural, mentres lugares como o Monte Aloia en Tui, ten valores medio ambientais máis limitados que a propia Trevinca ou O Courel.

Moi crítico coa actual xestión dos parques galegos, destacou modelos a imitar como o do Parque Natural Lago de Sanabria, onde se pode, por exemplo, mercar produtos locais e se aposta pola implicación da veciñanza.
Por último defendeu, fronte a un modelo conservacionista, que os espazos naturais protexidos sexan ferramentas de dinamización con modelos sostibles que combinen o uso e protección do territorio.
Visita guiada polas covas de Seadur

Esta última xornada cultural da Fundación Florencio Delgado Gurriarán rematou cunha visita polas covas de Seadur guiada por Carina Rodríguez e que comezou nas Barrancas, unha zona de covas afastada do BIC onde as covas construíanse ao pé de viñedo.

Dende alí o grupo desprazouse por camiños de horta analizando os diferentes tipos de construcións e tamén a súa base xeolóxica, moi marcada en Seadur por ser zona de transición entre o granito do val da Rúa e a rocha metamórfica de louxa e xisto na súa parte leste.

A ruta continuou pola zona declarada Ben de Interese Cultural, visitándose covas diferentes nas que se observaba o cambio na pedra e tamén nas solucións arquitectónicas aplicadas, nalgúns casos coa escavación en fraga granítica e noutras, con arcos de reforzo feitos en chapacuña de louxa e incluso bóvedas empedradas.

Desta maneira púxose o foco en como as covas son unha resposta a necesidades económicas e sociais da actividade vitivinícola, ocupando en moitos casos o propio monte arredor das aldeas, humanizado dende hai xeracións.

Esta actividade puxo punto e final a unha programación de tres meses coa que a Fundación quixo facer a súa aportación de coñecemento, conversa e encontro arredor dos usos do monte da comarca e os grandes lumes do verán pasado.






