Están organizadas pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán abriu na Rúa as Xornadas Culturais do ano 2026 dedicadas ao monte en Valdeorras con «O que ardeu. Autopsia do lume e vivencia da comunidade», á que acudiron máis de oitenta persoas e que reuniu durante máis de tres horas a expertos, profesionais e veciñanza. A cita foi no Centro Cultural Avenida, sendo a primeira dun programa de tres encontros que nos seguintes días abordarán as actividades produtivas no monte e máis a súa dimensión cultural e educativa.
A xornada da Rúa iniciouse coa intervención de Serafín González Prieto, biólogo e investigador do CSIC, quen contextualizou as causas e consecuencias dos lumes forestais. González destacou, entre outras cousas, como cada centímetro de solo fértil perdido tarda un século en ser recuperado, sendo unha das principais consecuencias dos lumes de gran intensidade como o vivido en Valdeorras. Tamén se detivo na súa afectación para a saúde das persoas, xa que no 2025 xeráronse en España 19 millóns de toneladas de CO2 pola combustión forestal.
Tras el tomou a palabra Ángel Fouces, xefe do Distrito Forestal XIII Valdeorras-Trives, quen explicou como é a estrutura de extinción de incendios a nivel comarcal e como funciona un operativo en situacións de emerxencia 2 como a vivida o ano pasado. Rematou destacando como nesa campaña houbo 104 lumes deste nivel (con grave afectación a bens non forestais) mentres os anos anteriores a situación máis grave fora no 2022, con 21 lumes de emerxencia 2.
De seguido, Manuel Martínez, bombeiro forestal e especialista en intervencións extremas, entrou en materia analizando en detalle o incendio forestal de Larouco de 2025 amosando datos, imaxes e análises técnicas que aportaron contexto as graves situacións vividas en Valdeorras, con casas queimadas, centos de desaloxos e máis de 40.000 mil hectáreas queimadas.
Martínez deixou claro que as circunstancias atmosféricas e a simultaneidade dos lumes na provincia de Ourense fixeron moi complicada a intervención e que o risco, cando se desatou o lume de Valdeorras, era que se puidera xuntar cos de Oímbra, Chandrexa e incluso O Bierzo. «O cambio climático vai provocar cada vez máis eventos extremos como este e a experiencia acumulada do pasado xa non serve, estes lumes son diferentes e temos que actuar diferente», insistiu en varias ocasións, destacando a forza calorífica e a velocidade do lume, ademais da súa capacidade de destrución.
A mesa de expertos foi pechada por Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e veciño da Rúa, quen ofreceu consellos de auto-coidado ante as emerxencias por lume e recomendou aos concellos e comunidades actuar canto antes ofrecendo información, formación e planificación, creando grupos de traballo coa veciñanza e dotando as aldeas de equipamentos de auto-protección.
Para Bruña, Valdeorras ten unha oportunidade á hora de reorientar o aproveitamento do monte creando faixas de protección e cultivos descontinuos: «O 50% da superficie forestal de Valdeorras é monte comunal, iso son só 91 propietarios, hai que traballar con esas comunidades». Tamén apuntou ás posibilidades que ofrecería ter escolas de pastores e incluso rabaños municipais, moito menos custosos que as limpezas preventivas e que fixarían poboación.
Trala análise experta chegou o momento de pisar terreo, cun coloquio dedicado á vivencia da comunidade. Nel interviñeron Javier Fernández, presidente da Comunidade de Montes de Roblido, Rosana Fernández, veciña de San Vicente de Leira, José Antonio Rodríguez, veciño de Fervenza, Brais López Baptista, bombeiro forestal, Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín e membro de Protección Civil, e a viticultora Cecilia Fernández.
Acompañounos a psicóloga Valentina Berenguer, coñecedora do territorio e quen participou nos lumes como voluntaria acompañando aos desaloxados en Petín. Neste encontro contrastáronse as visións de todos, con experiencias moi distintas, pero coincidentes en recoñecer a carga emocional que o acontecemento deixou nas persoas e tamén o recoñecemento ao esforzo e compromiso dos servizos de extinción.
Xornadas no Barco e en Larouco
A seguinte cita das Xornadas Culturais da Fundación FGD será no Teatro Lauro Olmo do Barco o 9 de maio tamén ás 10:30 horas co título O que agroma. Recuperación e actividades económica. Este día, o protagonismo será para os usos produtivos do monte, comezando cunha mesa dedicada á recuperación de chans con expertos da Universidade de Léon e da Fundación Juana de Vega.
Despois será a quenda dos aproveitamentos forestais e ecosistémicos, destacando as oportunidades de explotación multifuncional do monte que xa se fan noutros lugares de Galicia. Pechando a xornada, haberá unha mesa dedicada ás oportunidades doutros sectores económicos, como a viticultura, a gandería extensiva e o turismo.
A última sesión será o 13 de xuño as 10:30 na Casa da Cultura de Larouco, coa xornada Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural, na que se falaran de iniciativas concretas de posta en valor do territorio pola súa riqueza paisaxística e etnográfica, como BIC do barrio de covas de Larouco, os montes de Casaio ou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
Tamén serán presentadas iniciativas educativas na natureza de Valdeorras, Viana do Bolo e O Bierzo. As xornadas rematarán ese mesmo día cunha visita guiada ao xacemento arqueolóxico do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín) acompañados do equipo de Sputnik Labrego











