O monte e os incendios en Valdeorras, a debate nunhas xornadas da Fundación Florencio Delgado Gurriarán

Publicidad

Serán o 18 de abril na Rúa, o 9 de maio no Barco e o 13 de xuño en Larouco

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán presentou na Rúa as Xornadas Culturais do ano 2026 co título Presente e futuro do monte en Valdeorras e coas que, sete meses despois do gran lume forestal que afectou á comarca, dende a institución apostan por volver a mirada cara o monte cunha serie de conferencias e encontros.

Nelas revisarase o comportamento e as consecuencias do lume, ofreceranse claves de recuperación dos chans e oportunidades produtivas, e por último, analizarase o papel do monte dende unha perspectiva cultural, poñendo en valor a paisaxe e a vida rural como parte da identidade valdeorresa.

A primeira das citas é no Centro Cultural Avenida da Rúa o sábado 18 de abril ás 10:30 horas coa xornada O que ardeu. Autopsia do lume e vivencia da comunidade. Abrirá cunha mesa con tres expertos en lumes forestais para analizar o acontecido o pasado mes de agosto en Valdeorras, con máis de 30.000 hectáreas arrasadas.

Publicidad

Abrirá a xornada Serafín González Prieto, biólogo e investigador do CSIC, quen comentará as causas históricas e medio ambientais do lume na franxa atlántica ibérica. De seguido, Manuel Martínez, bombeiro forestal natural de Petín, presentará unha análise detallada do que sucedeu entre o 13 e o 20 de agosto en Valdeorras, o comportamento do lume e as decisións que se tomaron dende o punto de vista da extinción.

Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e veciño da Rúa, pechará a mesa cunha intervención sobre medidas de prevención e auto-coidado ante a nova situación estrutural de cambio climático.

Tras os relatorios, tomarán o escenario veciñanza e profesionais que viviron os lumes de preto para compartir nun coloquio a súa experiencia, analizando a situación actual nas aldeas e os retos do futuro. Estarán Javier Fernández, presidente da Comunidade de Montes de Roblido, Rosana Fernández, veciña de San Vicente de Leira, José Antonio Rodríguez, veciño de Fervenza, Brais López Baptista, bombeiro forestal, Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín e membro de Protección Civil, e a viticultora Cecilia Fernández. Acompañaraos a psicóloga Valentina Berenguer, coñecedora do territorio e que participou nos lumes como voluntaria.

Xornadas no Barco e Larouco

A seguinte cita das Xornadas Culturais da Fundación FGD será no Teatro Lauro Olmo do Barco o 9 de maio tamén ás 10:30 horas co título O que agroma. Recuperación e actividades económica. Este día, o protagonismo será para os usos produtivos do monte, comezando cunha mesa dedicada á  recuperación de chans con expertos da Universidade de Léon e da Fundación Juana de Vega.

Despois será a quenda dos aproveitamentos forestais e ecosistémicos, destacando as oportunidades de explotación multifuncional do monte que xa se fan noutros lugares de Galicia. Pechando a xornada, haberá unha mesa dedicada ás oportunidades doutros sectores económicos, como a viticultura, a gandería extensiva e o turismo.

A última sesión será o 13 de xuño as 10:30 na Casa da Cultura de Larouco, coa xornada Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural, na que se falaran de iniciativas concretas de posta en valor do territorio pola súa riqueza paisaxística e etnográfica, como BIC do barrio de covas de Larouco, os montes de Casaio ou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Tamén serán presentadas iniciativas educativas na natureza de Valdeorras, Viana do Bolo e O Bierzo. As xornadas rematarán ese mesmo día cunha visita guiada ao xacemento arqueolóxico do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín) acompañados do equipo de Sputnik Labrego.

«É clave saber por que pasou e como mellorar»

A programación foi presentada pola xerente da Fundación, Débora Álvarez Moldes, quen destacou como o monte era o protagonista obrigado das xornadas culturais polo gran impacto que o lume tivo na comarca «cumplindo co cometido transformador das actividades da Fundación». Pola súa banda, Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco, asegurou que amosa unha vez máis a aposta pola unidade comarcal arredor da cultura, convidando á asistencia e a participación do público nos coloquios que se abran ao rematar as mesas.

José Vicente Solarat, concelleiro da Rúa valorou moi positivamente a itinerancia do evento e o seu contido das xornadas: «É clave que podamos saber por que pasou e como mellorar cara o futuro. O monte forma parte da perixenética dos valdeorreses e somos o que somos polo monte».