A conselleira de Medio Rural destaca as agrupacións forestais para loitar contra o abandono do monte

Publicidad

Visitou Tuxe e Cambela (O Bolo) onde reafirmou o apoio da Xunta ao sector forestal galego

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe as agrupacións forestais de xestión conxunta como figura clave para fomentar o incremento da produtividade e para loitar contra o abandono do monte, incidindo na súa xestión sostible, profesional e colaborativa. Nunha visita ás agrupacións de Tuxe e Cambela, situadas no concello ourensán do Bolo, a conselleira puxo en valor esta ferramenta, que segundo afirmou facilita o dinamismo do sector, mediante a colaboración público-privada. Engadiu que esta cooperación permite avanzar nunha xestión forestal moderna, rendible e plenamente compatible coa conservación dos ecosistemas.  

A titular de Medio Rural, que estivo acompañada nesta visita polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, salientou ademais as diferentes vantaxes das agrupacións. Así, mencionou, entre outras, a redución de custos, a mellora da planificación dos aproveitamentos e o establecemento dunha comunicación directa entre os propietarios e a Administración forestal. Nesta liña, Gómez puxo en valor o dato das 44 agrupacións que actualmente están xa en marcha en Galicia.

Neste contexto, a conselleira reafirmou, así mesmo, o compromiso de apoio da Xunta cara o sector forestal galego en xeral e, nomeadamente, ao castiñeiro, que -tal e como sinalou- se manifesta a través de diferentes iniciativas. Entre elas, cómpre poñer de relevo a planificación estratéxica, coa incorporación do Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña, aprobado pola Xunta no ano 2022, dentro da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 «Cara á neutralidade carbónica». Así, este Programa recolle ata 36 actuacións, agrupadas en cinco grandes eixos: planificación, investigación, apoio ao sector viveirista, comercialización e mellora da competitividade.

Publicidad

Plan piloto para soutos

Do mesmo xeito, hai que valorar os avances no Plan piloto de fomento da xestión conxunta de soutos, desenvolvido en áreas estratéxicas das provincias de Lugo e Ourense e que propiciou, ata o momento, a constitución de cinco agrupacións forestais de xestión conxunta, entre elas as dúas visitadas hoxe no Bolo.

Asemade, a titular de Medio Rural recordou as diferentes liñas de axudas ao sector en xeral e ao fomento do castiñeiro en particular. Así, remarcou que só desde o ano 2022 o seu departamento destinou case 2,6 millóns de euros a financiar 145 proxectos, con actuacións en máis de 530 hectáreas e que suporán, entre outras cousas, a plantación de máis de 43.800 castiñeiros na nosa comunidade.

Para facerse unha idea da importancia destas plantacións en Galicia, cómpre salientar que en Galicia existen arredor de 50.000 hectáreas de monte onde o castiñeiro é a especie predominante, e as cortas anuais de madeira acadan os 30.000 metros cúbicos, o que supón preto dun terzo do total nacional.

Outra das liñas de traballo da Xunta ten que ver coa loita integrada contra pragas e enfermidades. Desta forma, no marco do Programa Estratéxico do Castiñeiro, Medio Rural desenvolve accións específicas neste eido, especialmente fronte o cancro do castiñeiro. O programa combina o diagnóstico fitosanitario co tratamento experimental mediante cepas hipovirulentas, capaces de deter o avance da enfermidade e favorecer a cicatrización natural das árbores. Tamén se veñen facendo labores de seguimento e control da avespiña do castiñeiro.