Día histórico das Letras Galegas en Valdeorras

Publicidad

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presidiu o acto oficial no Barco e o pleno da RAG foi en Córgomo

Hoxe é o Día das Letras Galegas, das Letras de Florencio Delgado Gurriarán. É un día grande para Galicia e, sobre todo, para Valdeorras e Córgomo (Vilamartín), a terra natal do poeta. A xornada se resume nunha palabra: emoción. A emoción dun anhelado día que se fixo realidade.

A celebración iniciouse no Barco, co acto oficial no Teatro Lauro Olmo e presencia do novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e proseguiu en Córgomo, onde tivo lugar o pleno da Real Academia Galega, xantar e moita festa.

Interviron o alcalde do Barco, Alfredo García; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; Ricardo Gurriarán, en nome da familia, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Publicidad

Entre o público estiveron, ademais das fillas e neto do intelectual homenaxeado, o presidente do Parlamento de Galicia; Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura; Román Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o subdelegado de Goberno, Emilio González Afonso, ademais da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario, entre outros moitos representantes.

Tamén os alcaldes e alcaldesas de Valdeorras, entre eles o de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, terra na que se viviu con intensidade e emoción as Letras Galegas con especial.

Alfonso Rueda iniciou as súas verbas dirixíndose as fillas de Florencio Delgado Gurriarán e citando o orguio de ter un pai como o poeta de Córgomo. Tamén enviou os seus mellores desexos de recuperación a Domingo Villar, «outro gran nome da nosa lingua, logo de ter noticia onte do seu súbito ingreso no hospital», dixo.

Alfonso Rueda, dixo que “Nosa Galicia é máis que toda a Terra. O verso de Florencio Delgado Gurriarán non é, nin moito menos, unha impugnación dos actuais lindes do país, nin unha arroutada imperialista. Nin sequera unha hipérbole. A Galicia infinda é, pola contra, un universo verdadeiro comandado por figuras coma el, que existe grazas á lingua e grazas á cultura».

Engadiu que acudir a ditas razóns «axuda para entender por que o poeta, e tantos outros exiliados en tempos escuros, mantiveron acesa a chama da nosa cultura alá onde os levaron os
pasos do seu exilio. Non se impuxo neles o resentimento nin o desarraigo. Ao contrario, o seu compromiso vital e cultural foron demostrativos de que hai unha Galicia que é terreal e outra que somos nós, a xente e máis a fala, como a describiu Manuel María».

O presidente da Xunta dixo que «sen poder pisar Córgomo durante demasiados anos, Florencio Delgado Gurriarán habita tamén esa outra terra mentres segue cultivando unha longa tradición de construtores de Galicia desde fóra de Galicia. Dende o himno ata a bandeira, ou a mesma publicación de “Follas Novas”, a diáspora vai deixando un herdo eterno que o noso homenaxeado neste Día das Letra Galegas amplifica coa súa poesía e o seu activismo cultural».

Alfonso Rueda dixo que é significativa a derradeira visita que Florencio Delgado Gurriarán fai a Galicia no ano 1981, coincidindo coa promulgación do Estatuto de Autonomía que consolida o galego como “lingua propia” do país.

Precisamente, lembrou, a viaxe foi motivada pola súa entrada na Real Academia, que cada 17 de maio convócase para homenaxear as figuras da nosa particular dinastía lingüística e literaria.

Rueda relatou que no seu discurso de ingreso de Florencio Delgado Gurriarán no Casino do Barco, o “inspirado poeta e patricio insigne” –como foi definido na súa acta de ingreso— «mestura o recordo á emigración co eloxio a un proceso democrático no que todas as linguas, en lugar de confrontar, converten a España nun harmonioso concerto de falas irmás”.

O presidente da Xunta sinalou que na exposición “Bebedeira de Ensoños» que visitou antes de acceder ao Teatro Lauro Olmo «recoñecín nas fotografías ao meu tío avó, o galeguista Ramón de Valenzuela. Non tiven ocasión de ver moitas fotos del, feito que me emocionou e me gustou moito velo aquí e velo ao lado do seu amigo Florencio».

Finalmente, sinalou que o 17 de maio réndese homenaxe «a un valdeorrés comprometido coa democracia e cun país sen fronteiras, que é Galicia, que vive na fala e na acción cultural.
Polo tanto, celebramos unha Galicia libre, orgullosa e cordial que deixa de existir nos soños dos antepasados para ser unha realidade coa que nos comprometemos».

Falou de que se mantén vivo un idioma, «o propio, o noso, e que ten que seguir sendo de todos», que nos define como pobo e singulariza a nosa pegada no mundo. E conxurámonos para que o galego, coa participación de todos, floreza durante “mil primaveiras” máis.
Florencio Delgado Gurriarán foi un galego que nunca abandonou esta terra. Habitou un país “infindo” de cultura e lingua que a nós nos corresponde impulsar, mentres este país terreal, tamén seu, lle rende un merecido aplauso, aquí, na súa terra, a que sempre levou no corazón e a que nunca o esquecerá, concluiu.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, lembrou os vencellos de Delgado Gurriarán coa súa Valdeorras natal, “por suposto, coa toponimia xenuína que el reclamou, é dicir A Rúa, O Barco, Rubiá, Petín, O Bolo, Carballeda, Larouco, Vilamartín e A Veiga. Nove concellos que conforman nove latitudes. Un universo marabilloso, un val de vales agarimado por outras serras, presidido pola soberana grandeza de Pena Trevinca, dous mil cento vintesete metros de altitude, a testa erguida da ‘Galicia Infinda”. 

Reivindicou o legado literario de Delgado Gurriarán, citando a  Xosé Ramón Pena para inserir ao autor valdeorrés nas “avangardas enxebres”, destacando unha obra que abarca “os cantos xeórxicos e a exaltación dionisíaca mesturados de erotismo e, pola outra, a denuncia social e a lira de combate, o froito da súa peripecia vital; a defensa da legalidade republicana, os circios ideais do galeguismo, a guerra civil, o exilio e a súa fonda visión de México e de toda América”. 

Baltar leu uns versos dos “Poemas Mexicanos” antes de, apoiándose na biografía de Delgado Gurriarán escrita polo seu sobriño Ricardo -que tamén interveu no acto desta mañá- definir ao homenaxeado como un “poeta, tradutor, político e animador cultural, sempre firme defensor da identidade de Galicia; desde o seu nacemento, en 1903, no Córgomo, concello de Vilamartín de Valdeorras, ata o seu pasamento, en 1987, en Fair Oaks, California”. 

Manuel Baltar rematou a súa intervención no Lauro Olmo propoñendo as irmáns Pura e Dora Vázquez coma protagonistas do Día das Letras Galegas 2023, no sesenta aniversario desta celebración cultural: “Dúas mestras exemplares, escritoras, poetas, narradoras, dramaturgas e articulistas en lingua galega, nos difíciles e escuros tempos da ditadura, precursoras da literatura infantil e xuvenil. Mulleres dunha xeración caracterizada pola resistencia, a entrega e a xenerosidade”. 

O alcalde do Barco, Alfredo García, felicitou a Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta, sendo as Letras Galegas o seu primeiro acto oficial e falou da importancia do Día das Letras Galegas en Valdeorras. Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, lembrou as virtudes de Florencio Delgado Gurriarán para ser merecedor das Letras: a calidade literaria e a súa exemplaridade social. Y Ricargo Gurriarán amosou a emoción da súa familia e de Córgomo neste día tan feliz.

Córgomo e Valdeorras foron hoxe a capital da cultura galega no mundo. Foi un día histórico e irrepetible.