«Primavera de portas abertas» na Ruta do Viño de Valdeorras: 13 adegas e 15 propostas

Publicidad

O evento nas rutas dos viños galegas foi presentado hoxe en Santiago

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, presentou hoxe a nova edición da «Primavera de portas abertas» que a Xunta leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños galegas, unha proposta que está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Este ano participarán máis de 100 establecementos: 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos e celebraranse máis de 60 actividades diferentes en maio e xuño.

Antonio Casas salientou a “gran traxectoria” desta iniciativa que cumpre esta edición 13 anos “converténdose nunha das experiencias de Turismo de Galicia que mellor funcionan fóra de temporada alta”. Neste sentido, agradeceu ás Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia pola súa colaboración e referiuse a algunha das novidades desta edición.

Recordou que esta iniciativa se enmarca na aposta clara da Xunta de Galicia por promover a enogastronomía a través de distintas iniciativas, como o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia deseñado por Turismo de Galicia con fondos Next Generation.

Publicidad

«Primavera de portas abertas nas rutas dos viños» comezará o 3 de maio na Denominación de Orixe de Valdeorras.  Desde ese día e durante cinco fins de semana de maio e xuño poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes. En concreto, do 3 ao 5 de maio será na D.O Valdeorras, do 10 ao 12 de maio na de Rías Baixas, do 17 ao 19 de maio na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.

13 adegas

Pola súa banda, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, afondou en que Primavera de Portas Abertas permitirá dar a coñecer nesta ocasión os brancos e os tintos de 13 adegas do territorio ao tempo que se poderá gozar das paisaxes que lle dan cobixo ás vides, os monumentos e elementos do patrimonio que as acompañan no seu crecemento e, por suposto, entrar en contacto coas xentes hospitalarias da comarca de Valdeorras.

En total serán 15 propostas que van desde rutas pola historia do pasado viticultor da comarca, xogos participativos, rutas en bicicleta eléctrica ata andainas en plena natureza. Ademais, haberá un showcooking da man da recén galardoada no Galicia Forum Gastronómico como mellor cociñeira do ano, Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova de Verín, que conxugará a cociña tradicional con toques vangardistas acompañada con viños da comarca.

Joaquín Sánchez Rodríguez salientou tamén a posibilidade de entrar en contacto cunha realidade que só se dá nestas terras como é o turismo industrial ao ser “a comarca onde a primeira actividade é a lousa” e ao contar cun gran número de hidroeléctricas ao longo do leito do Río Sil.