Anxo Outomuro: «O teatro en Galicia está nun gran momento»

Publicidad

O actor de Barbadás, que forma parte do reparto de «Iribarne», afirma que o éxito deste espectáculo ten moito que ver con que «fala de nós, de como somos e como chegamos ata aquí»

Anxo Outomuro, actor do municipio ourensán de Barbadás, é un dos actores que conforman «Iribarne», a obra que chega ao «Lauro Olmo» do Barco o venres 23 de febreiro. Di que o teatro en Galicia atravesa un gran momento e fala da citada obra como un espectáculo novedoso, entretenido, que parte de feitos reais documentados e dunha personaxe política, pero que «non é un documental», aclara.

Anxo Outomuro é titulado en Interpretación Textual pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Complementa a súa formación profesional en teatro físico e xestual con cursos de commedia dell’arte en Italia con diferentes compañías, en clown con Rui Paixão e tamén en loita escénica con Martin Volldamn. Ademais, ten participado a miúdo en cursos de creación escénica e interpretación con compañías internacionais como Sutottos ou Los Colochos.

No 2022 fundou unha compañía teatral de seu, Barrosanta, e estreou o espectáculo unipersoal Ragazzo, o multipremiado texto de Lali Álvarez dirixido por Xavier Castiñeira, polo que recibiu unha nominación a Mellor Actor Protagonista nos Premios María Casares.

Publicidad

No eido audiovisual destaca a súa participación na longametraxe Maria Solinha, último filme de Ignacio Vilar. En televisión, participou en series como Motel Valquirias ou El desorden que dejas, dirixida por Carlos Montero e producida por Vaca Films para Netflix

Valdeorras de Cerca: ¿Que significa para tí o espectáculo Iribarne?

Iribarne é un percorrido pola historia máis reciente de España moi centrada na Transición, da época da ditadura á democracia, acompañado da man de Manuel Fraga Iribarne. O interesante para o espectador é coñecer os mecanismos do paso pola Transición española cun político estivo presente nas tres épocas. Fraga tivo unha vida política extensísima.

V de Cerca: ¿É unha obra en clave de humor?

É unha peza histórica sobre un político en tres horas de espectáculo. De entrada, o tempo abruma un pouco. Pero o que podería parecer aburrido non o é. Está contada desde un lugar e cunha teatralidade, cunhas formas teatrais moi contemporáneas e moi cómicas. Achéganse unhas mensaxes complicadas ao público e iso é das maiores virtudes de Iribarne: A comedia, a irreverencia e o gamberrismo.

V de Cerca: Todas as personaxes do espectáculo interpretades a Iribarne, ¿cómo valoras o teu papel?

É unha peza de teatro moi coral na que todos estamos igualados no traballo, e dicir, todos facemos de todo, todos pasamos pola pel de Manuel Fraga Iribarne, todos facemos de Iribarne e doutros personaxes. No meu caso, ademais de Iribarne, fago de Felipe González, Juan Carlos I e personaxes xenéricas. Tamén facemos un coro do pobo galego que está vendo como actúa ese político e estamos en confrontación con él.

Bailamos, falamos… Foi un traballo moi intenso; máis que duro, moi esixente, tanto pola parte física como do texto. Pero ao mesmo tempo moi agradecido. O texto está cheo de escenas mararvillosas, hai uns textos moi fermosos de Esther e unha posta de escena de Xavier moi potente.

V de Cerca: Partindo dunha personaxe real, Iribarne ¿é ficción?

Non é un biopic de Manuel Fraga porque non é un percorrido pola súa vida. Falamos só do feito da vida profesional e política de Fraga. Non se tocan prácticamente temas personais. Falamos de Iribarne desde unha ficción, unha teatralidade, pero todo o que acontece é verdade. Está todo documentado. Todos os encontros dos políticos que se dan, ocurriron. Tamén, detalles como as leis que se redactaron, certificados, sentencias que asinou, son reais. E curioso ver que algo que é veraz e documentado, de súpeto, transpórtase a unha ficción na que hai unhas personaxes que xogan e que falan. Esto é o que fai a obra moi entretenida, porque non estamos ante un documental.

V de Cerca: ¿Foi difícil poñerse na pel de Manuel Fraga?

Foi un traballo xenial porque as seis personas que estamos en escena tiñamos que pasar pola pel de Fraga. Construimos entre todos unha personaxe común, a nivel corporal, vocal e da expresividade, tanto xestual como oral desa personaxe. Foi un traballo bonito, construido entre os seis. Cada un foi aportando, a diferente forma de andar, tics, a voz etc. O fixemos en equipo.

V de Cerca: Supoño que facer en conxunto ademais de novedoso é enriquecedor

Efectivamente. Foi diferente, moi enriquecedor, nutríndonos xuntos, uns doutros. Foi un proceso profesional de irmandade dende o principio. Temos un grupo maravilloso e a boa relación entre todos débese a esto.

V de Cerca: Iribarne xa se representou en Madrid e outros lugares de Galicia…

Está sendo un éxito. A noso cabeza de cartel non é ningún actor senón a personaxe histórica da que se fala. Estivemos un mes en Madrid onde enchimos a salas todos os días, e tamén nas tres plazas galegas que fixemos. Está tendo un tirón abrumador. É un espectáculo ao que non estamos acostumados con ampla escenografía, ca boa crítica e aplauso unánime do público. Estamos moi contentos.

V de Cerca: Recomendas esta cita no Barco e noutras vilas ¿porque…?

É unha sorte para nós visitar todas as vilas e que a xente poida ver esta obra teatral tan potente e espectacular. Recomendo pola súa tese e o argumento, que fala de nós, de como somos e como chegamos ata aquí.

V de Cerca: Levas tres anos como actor profesional ainda que interpretas desde que tiñas oito anos, ¿estás nunha etapa doce?

Estou ben, contento. Aínda que teño papeis de reparto en series e cine, dedícome principalmente ao teatro, considérome un actor de teatro e un profesional das artes escénicas. E teño a sorte de traballar nesto. Ademais da obra Iribarne, actualmente sigo con outros dous espectáculos. Levo xa cinco produccións teatrais nos últimos anos, incluso con algunha producción propia que saquei adiante.

V de Cerca: ¿O teatro está hoxe en Galicia máis vivo, en auxe?

Está claro que hai interese polo teatro e a cultura ao vivo, música en directo e cine nas salas. Calquera actividade cultural hai que potenciala. A xente sae da casa para ver cultura. O teatro en Galicia está nun gran momento, con moito nivel, con personas creadoras moi formadas, estéticas moi ben cuidadas e novedosas. O teatro está vivo e cumple unha gran función social.

.
.