Arraianos, de Sarabela Teatro, hoxe no Barco

Publicidad

A obra teatral comenza ás 21,00 horas no «Lauro Olmo»

Sarabela Teatro achega hoxe os seus contos «Arraianos» ao Teatro Lauro Olmo, ás 21,00 horas dentro da programación cultural que desenvolve o Concello do Barco.

A sinopse xira arredor da fronteira, liña invisible entre a Galiza interior e o norte de Portugal; de brétema, chuvia, neve onde se funden a realidade e a ficción; a vida e a morte. Entre o misterio e os impulsos da terra. Entre o ser humano e as forzas da natureza. Entre o poético e o mítico, alén da xeografía. No límite da fantasía. A idea de fronteira, da liña divisoria, punto de escisión e de unión, lugar de encontro e separación. Espazos vitais nos que os límites non só físicos, están na condición humana, no que de verdade nos converte en arraianos.

Arraianos mereceu o Premio da Crítica galega, o Premio da Crítica española e o Premio Lousada Diéguez en 1992.

Publicidad

A obra está inspirada na prosa de Ferrín, engaiolante, poética, musical, vigorosa e tradicional, capaz de transportarnos a calquera momento ou universo e facernos parte da historia que pretende contar, sexa cal sexa.

Arraianos é unha suma de relatos excelentes que estremecen e fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria, a conciencia, e a grandeza de alma e de vida. Historias de meigas, contrabando, caciquismo e agrarismo.