Antesala da gala do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán: Difusión dos finalistas e convivencia poética

Publicidad

Beatriz Dourado, Lois Pérez, Patricia Carballal, Fran Fernández Davila e Ana Barja son os candidatos a facerse ca cuarta edición do certame

Intensa xornada hoxe no Barco relacionada coa poesía. A seis días da celebración da gala do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, difundíronse os nomes dos finalistas e os seus poemas, entre os que o sábado se desvelará o gañador ou gañadora. Son os seguintes:

  • «Ancorar toda esta auga», de Beatriz Dourado (Barcelona, 1985)
  • «De tuin der lusten», de Fran Fernández Davila (Vigo, 1974)
  • «Antígona cantoume polas vosas voces», de Patricia Carballal (Arcade, 1978)
  • «Receita cromática para unha visión libremente entendida», de Ana Barja (Castro de Rei, 1987)
  • «Europa 2079», de Lois Pérez (Lugo, 1979)
Publicidad

Estas cinco obras foron as seleccionadas de entre as 174 que finalmente entraron a concurso. O faio do xurado, integrado por Cristina Pato, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Antía Balvís, Emilio Vega e Eilún del Pazo, a gañadora da anterior edición, será revelado na propia gala, que se celebra o sábado ás 20.30 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco

Na presentación das obras finalistas, Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, celebrou a calidade dos textos recibidos e agradeceu o traballo e o entusiasmo do xurado durante todo o proceso. A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, destacou que moitos dos finalistas son docentes o oue amosa: «A paixón polas letras e pola lingua dende o sector educativo, o que é unha garantía de que hai futuro para a creación sendo un gran exemplo para as novas xeracións».

Publicidad

O Premio de Poesía é un dos fitos do ano de Florencio no que a comarca segue amosando unión e fortaleza. Así o resaltou Raquel Bautista, alcaldesa de Petín, durante a presentación, asegurando que «os Concellos de Valdeorras seguimos demostrando que estamos xuntos neste proxecto porque é o noso ano».

A presentación tamén acudiu Elva Delgado, familiar de Florencio, quen asegurou que as fillas do autor de Córgomo seguen con entusiasmo cada nova cita e o enorme recoñecemento que a figura de seu pai acadou neste 2022.

Encontro de estudantes, poetas gañadores e finalistas doutras edicións

Para quecer motores de cara á gala do próximo sábado, calificada de moi especial, celebrouse, tamén este luns, un encontro entre alumnado de 1º de ESO e poetas gañadores ou finalistas de anteriores edicións. Eilún del Pazo, Jorge Moral, María Besteiros e Bea Saiáns falaron da súa experiencia creativa con alumnos e alumnas do IES Martaguisela, o IES Lauro Olmo e o Colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras.

Para preparar esta convivencia, xa se celebrara unha sesión previa na que se lles presentaron os seus versos convidando ao alumnado a identificar detalles como a idade de quen o escribira, a motivación, o estado de ánimo, etcétera.

Hoxe, na conviencia, puideron resolver o misterio, poñerlle rostro a cada poema e tamén lanzar preguntas ás creadoras. Cando comezaches a escribir? Que che inspira? Utilizas a música como ferramenta creativa? Fuches bo estudante? Que sentías ao escribir? Estas foron algunhas das cuestións que a rapazada lanzou ás poetas visitantes, que quedaron con gañas de saber máis sobre a pulsión creativa de quen lles escoitaba.

Jorge Moral, poeta local e primeiro gañador do Premio Florencio Delgado Gurriarán, convidounos a empregar a poesía como escape ou diálogo interno. Eilún del Pazo, gañadora da edición 2021 do Premio e xurado do actual, animou á crecación de revistas escolares, xa que ela mesma foi onde se estreou nas letras. Para María Besteiros, este tipo de iniciativas son a oportunidade de abrir conversas poéticas coa mocidade, e Bea Saiáns celebrou poder pasar un tempo coa rapazada nun evento que ademais de profundo foi divertido.