A Xunta inicia a redacción do proxecto da mellora da estrada OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo

Publicidad

Executarase un novo trazado e suporá a rectificación de 31 aliñacións de curvas

A Xunta vén de encargar a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada OU-533 entre os concellos ourensáns da Gudiña e Viana do Bolo. Trátase de desenvolver o proxecto de trazado proposto no marco do estudo previo realizado para executar as melloras necesarias nesta vía autonómica.

O citado estudo divide a estrada autonómica OU-533 en 4 sectores: a variante da Gudiña, desde o quilómetro 0 ao 1; o propio treito da Gudiña e Viana do Bolo, desde o quilómetro 1 ao 15; a variante de Viana do Bolo, entre o quilómetro 15 e o 22+500; e o tramo entre Viana do Bolo e A Rúa, desde o quilómetro 22+500 ao 50.

A estrada ten unha lonxitude de 50,1 quilómetros, unindo a N-525 na Gudiña coa N-120 na Rúa.

Publicidad

Precisamente, o compromiso da Xunta con esta carretera foi posta de relive nos últimos días durante a campaña do popular Xosé Manuel Merelles.

O citado estudo propón o acondicionamento da estrada ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos,
mellorando os actuais e permitindo unha condución cómoda, segura e axeitada á velocidade establecida de 90 km/hora.

En concreto, o treito obxecto dos traballos de redacción que se están a iniciar correspóndese co tramo da OU-533 entre A Gudiña e Viana. O obxectivo é redactar un proxecto de trazado nesta zona máis prioritaria, de 15 quilómetros de lonxitude, na que prácticamente non se poden realizar adiantamentos.

A redacción deste proxecto abranguerá as propostas de mellora desta estrada OU-533, entre os puntos quilométricos 1+000 e o 16+500, no que se considerarán solucións combinadas de mellora de interseccións, renovación da capa de rodaxe, sinalización, balizamento e defensas; así como actuacións para o incremento e a mellora de zonas de adiantamento, principalmente mediante a implantación de carrís adicionais, ou melloras locais de trazado.

O proxecto permitirá estudar e desenvolver a solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a intervención e a posterior información pública, de ser necesaria.

Neste treito entre A Gudiña e Viana deseñarase a execución dun novo trazado sobre a base da estrada actual, cunhas actuacións relevantes para dotalo de carrís adicionais de adiantamento entre os puntos quilométricos 1+300 e 14+900, así como para a rectificación de 31 aliñacións de curvas.

O custo da actuación estímase en máis de 15 millóns de euros, se ben o investimento final concretarase no proceso de redacción do proxecto de trazado.

A previsión é ter redactado este proxecto co fin de iniciar a información pública no segundo semestre deste mesmo ano.

A redacción do proxecto desta actuación na estrada OU-533 enmárcase no servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias que foi licitado pola Xunta por importe de 4 M€.

Este contrato de servizo divídese en 4 lotes, un por provincia, e permite atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas autonómicas.