A Xunta convoca axudas para fomentar o turismo enogastronómico e por en valor o potencial vitivinícola

Publicidad

O prazo para solicitalas comenza este sábado 20 de xaneiro e contan cun montante de 5,5 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a nova convocatoria de axudas dotada de 5,5 millóns de euros para fomentar o turismo enogastronómico con medidas que sufragarán o embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas, a posta en marcha de proxectos dixitais vinculados a recursos enogastronómicos ou a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento para este tipo de turismo.

Son axudas de gran relevancia, convocadas por Turismo de Galicia, para impulsar o turismo enogastronómico e facilitar que as adegas sexan visitables, toda unha oportunidade para reforzar o destino Galicia e o valor da riqueza vitivinícola nesta terra. O prazo para solicitalas comeza ás 00.01 horas de mañá sábado.

Como se informa no DOG, as axudas teñen tres liñas de actuación. A primeira conta cun orzamento de 2.610.000 euros e impulsará a adecuación e embelecemento de establecementos turísticos (hoteleiros ou de restauración) para a posta en valor de servizos de enoturismo (servizos específicos de adega, actividades dirixidas ao coñecemento e divulgación de todo o relacionado co viño, elaboración, degustación…). Estes establecementos turísticos deberán estar vinculados a unha adega e, ou, a parte dos seus viñedos.

Publicidad

Nesta liña de embelecemento tamén poderán optar adegas vinculadas a establecementos turísticos, que permitan ser visitadas polos turistas. Sufrágase a implantación dun proxecto novo ou ampliación dun proxecto existente, que poderá consistir na adecuación do centro para a recepción e atención de visitantes, do percorrido para visita, así como os espazos destinados a exposición ou museo. En ambos casos, sempre se ten que traballar con Denominación de Orixe Protexida ou que teñan certificación Viños da Terra.

Dixitalización

A segunda liña, con 590.000 euros, sufragará proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración que poñan en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos e favorezan a visita (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de entornos de realidade virtual, xogos, visitas virtuais, …). Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao marketing turístico, a personalización, o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e o uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, cartelería interactiva, …).

A terceira das liñas de actuación, de 2.300.000 euros sufragará a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamentos, respecto das inscritas no REAT, e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas.

As experiencias deberán incluír entre os seus produtos principais, polo menos, un produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade. O procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e o prazo para solicitalo comezará mañá sábado 20. As condicións e requisitos están especificados no DOG.

Plan de Sustentabilidade Enogastronomía de Galicia

Esta liña de subvencións enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia ten en marcha con fondos europeos que foron asignados á Comunidade galega. En concreto, forma parte do Plan Territorial Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta no horizonte de 2025 con 34,5M€ e que está composto con tres accións de cohesión en forma de liñas de axuda —unha delas esta—, así como 13 Plans de Sostibilidade Turística en Destino nun total de 80 concellos galegos.