A Deputación celebrará o seu bicentenario en 2022

Publicidad

A data é o 26 de maio e haberá unhas xornadas internacionais con expertos en historia das deputacións de universidades de toda España, Portugal, Francia e Italia

A Deputación de Ourense celebrará en 2022 o bicentenario da súa constitución (26 de maio de 1822) cun programa de actividades que se estenderá ao longo de todo o ano e que terá como fitos máis destacados unha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel sobre a historia da institución e unhas xornadas internacionais sobre organización territorial.

“Unha efeméride participativa, da veciñanza e tamén dos concellos, coa que pretendemos poñer en valor a afouteza da institución e o papel protagonista dos gobernos provinciais”, dixo o presidente Manuel Baltar durante a presentación das actividades e o logotipo deseñado para a ocasión, acto no que estivo acompañado polo coordinador do programa, o profesor de Historia do Dereito e das Institucións da Universidade da Coruña, Eduardo Cebreiros. 

“Non podíamos deixar pasar unha ocasión tan redonda, como redondo é o logotipo, para poñer de relevo a existencia dun goberno provincial cuxa importancia quedou corroborada na Constitución do 1978”, destacou o presidente, ata tal punto que “desde as deputacións mesmo se impulsou a constitución das comunidades autónomas uniprovinciais, cun protagonismo de seu que ninguén pode dubidar e que seguen a mostrar a súa necesaria existencia á hora de falar de descentralización e desconcentración competencial”. 

Publicidad

Moitos gobernos provinciais tamén cumprirán o bicentenario en 2022 “pero, como en moitos outros ámbitos, a Deputación de Ourense será a primeira en celebrar este importante aniversario e facelo, ademais, desde unha perspectiva histórica, técnica e xurídica”, apuntou Manuel Baltar, “demostrando que nos tomamos moi en serio a institución, para a que reclamamos o debido protagonismo na encomenda que fai o texto constitucional, que non é outra que a administración autónoma das provincias”. 

Publicidad

O profesor Eduardo Cebreiros agradeceu a Manuel Baltar “a súa sensibilidade á hora de celebrar este bicentenario”, un sentido da historia que dixo botar en falta en institucións e cargos públicos. Como coordinador das actividades detallou dúas das citas previstas máis relevantes.

Dixo, “a idea central xira en torno a unha exposición conmemorativa no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que podería ser itinerante pola provincia, onde imos trasladar á cidadanía a historia da Deputación, desde os primeiros documentos que reflicten a creación destas institucións na Constitución de 1812 ou os decretos de división provincial e mapas onde Ourense aparece xa como provincia. 

Pero non só haberá documentos, sinalou, “senón que tamén pretendemos recuperar ás persoas, como o primeiro xefe político, Pedro Boado Sánchez, os deputados provinciais, e lugares como o convento de Santo Domingo —onde hoxe se sitúa a delegación de Facenda— que foi a primeira sede”. 

Coincidindo coa data de constitución da Deputación, o 26 de maio de 2022 celebraranse en Ourense unas xornadas internacionais sobre organización territorial que contarán cun elenco de expertos en historia das deputacións procedentes de universidades de toda España, así como Portugal, Francia e Italia. 

A celebración do bicentenario da Deputación de Ourense terá imaxe propia a través dun logotipo deseñado polo coordinador de Comunicación da institución provincial, Carlos Quintairos, e onde sobresae “un círculo —explicou Manuel Baltar— que tamén forma parte do noso símbolo da Ourensanía e que representa a unidade, a perfección e o centro, e que estará presente ao longo do ano en todos os documentos oficiais, na comunicación, publicidade e demais soportes gráficos”. 

No acto de presentación das actividades tamén se proxectou un vídeo editado para esta ocasión no que dúas persoas e utilizando palabras como compromiso, paixón o futuro, “trasladamos a idea de que a Deputación non só é unha institución fría, de datos, senón que tamén é humanidade, cun goberno provincial ao carón da xente”.