Xela Arias: unha muller transgresora, pioneira, feminista e comprometida

Publicidad

Galicia conta cun amplio programa de actividades para a celebración das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 da maio, está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias. A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CDG) celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, valorou recentemente a programación, “completa e variada”, que fará posible divulgar en Galicia e fóra dela o “enorme legado” de Xela Arias, unha muller, que califica de “pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora”.

O conselleiro salienta a figura de Xela Arias, da que, dí, é foi sinónimo de modernidade e transgresión e desenvolveu unha obra poética e literaria fóra dos convencionalismos da época. “Rompeu moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e anovadora”. Salientou tamén a súa faceta como creadora, editora, mestra e tradutora, traducindo ao galego algúns dos clásicos da literatura universal.

Publicidad

É considerada como unha das mulleres máis innovadoras da cultura galega que sempre tivo a lingua galega como ferramenta de expresión e transformación da palabra poética.

Exposicións en distintos puntos de Galicia

A programación en Galicia do Día das Letras abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino e nos concellos. Tamén haberá actividades para os galegos no exterior.

No eido artístico, a Xunta promove iniciativas como a exposición «Xela Arias, Asinamos ser libres», en dez concellos galegos para difundir detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada; ou Aquela nena de Sarria, que recalará na Biblioteca de Lugo e repasará as súas orixes e a súa infancia nesta vila lucense.

Tamén se promove, da man do seu fillo Darío Gil, unha mostra fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada «Tigres coma cabalos» inspirado no poemario da autora en Vigo e Santiago.

Ademais, a Biblioteca de Galicia celebra o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.

Fotogalerías virtuales no Portal da Língua Galega

De maneira virtual, tamén se celebra a iniciativa «Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor». Trátase dunha proposta que se poder ver no Portal da Lingua Galega, que ofrece unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. Estas imaxes se completan cunha fotogalería inédita da infancia e adolescencia da autora para que o profesorado e o alumnado dos centros escolares galegos poidan utilizalas.

Actividades nos centros escolares

Desde o punto de vista académico, manteranse este ano citas habituais como a Xornada do Día das Letras Galegas, nas que desde a Consellería de Educación ofrece ao profesorado non universitario ferramentas para abordar a figura da artista nas aulas ou o simposio organizado en novembro pola Xunta e a Real Academia Galega (RAG) centrado na súa figura e dirixido fundamentalmente a profesorado de lingua galega e literatura dos distintos niveis educativos.

Os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia tamén impulsan iniciativas e elaboran recursos para dar a coñecer a autora homenaxeada, a súa obra e o seu compromiso coa lingua galega. Unidades didácticas, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, pasapalabras, vídeos, podcast, telexornais, cancións ou videopoemas son algunas das propostas que se van desenvolver en colexios e institutos de toda Galicia.

A programación das Letras Galegas 2021 inclúe tamén certames de relato, de debuxo, de podcast, banda deseñada, fotografía e mesmo o concurso de rap en galego Lingua de Rapear, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude para a dinamización lingüística entre a xente moza. Tamén se apostará por accións de fomento da lectura e o coñecemento da obra de Xela Arias entre os máis novos, dentro e fóra do ámbito educativo.

Actividades no ámbito dixital

Un dos aspectos salientables é que este ano hai una forte presenza dixital ou audiovisual. Como o proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra Intempériome, un proxecto que nunca puido ver cumprido.

A Cidade da Cultura acolle en maio unha actividade de lectura participativa para difundir nas redes a obra de Xela Arias coa que se realizará unha peza auduovisual para visibilizar nas redes sociais.

Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de traballos audiovisuais arredor de Xela Arias con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. Ademais, o Portal das Palabras, o web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG inclúen contidos específicos do universo vital e literario de Xela Arias.

Tamén hai propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne, nunha proposta estética audiovisual innovadora. Co apoio da Xunta, a Banda da Loba lanza un novo EP Hasme Oír, que verá a luz no mes de abril.

Reparto da súa obra en supermercados

Como cada ano, a programación incluúe iniciativas de participación social e empresariais. Así, ao longo deste mes de maio, os trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Vigo e A Coruña-Ourense levan nos repousacabezas a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2021 e nas estacións de tren das cidades así como os carteis gañadores do Concurso-exposición das Letras Galegas organizado pola Xunta. Estes carteis tamén se poderán ver, en tamaño reducido, no interior dalgúns vagóns.

Na véspera do Día das Letras Galegas os supermercados Gadis de Galicia agasallarán a súa clientela, por calquera compra, cunha tirada de 30.000 libros en galego, 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel conmemorativas do 17 de maio. Ademais, a Vegalsa-Eroski e a Consellería de Cultura desenvolven un ano máis unha campaña para promover a celebración do 17 de maio nos seus establecementos comerciais a través de carteis e bolsas da compra conmemorativas para homenaxear a Xela Arias.

No eido editorial, incluirase a edición de obras inéditas, como Non te amola!, que a autora ultimaba cando faleceu, así como edicións especiais ou reedicións. Tamén se publicará unha biografía, entre outras.

Celebración das Letras Galegas no exterior

As conmemoracións estenderanse ao exterior. Así, a Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta de Galicia súmase, desde a programación impulsada polos 36 departamentos universitarios que a integran repartidos por América, Europa e Asia, ao labor de difusión da vida, figura e obra da autora homenaxeada polas Letras Galegas.

Desde Salvador de Baía (Brasil) ata Budapest (Hungría) as actividades especiais arredor do 17 de maio espállanse e adquiren diversidade de formatos para achegarlle ao alumnado universitario conferencias, charlas-coloquios, encontros, proxeccións, exposicións, publicacións sobre Xela Arias. Toda a programación pode consultarse no Portal da Lingua e en cultura.gal.