Os trens turísticos bótanse a rodar en Galicia

trens turísticos, trenes turísticos
Publicidad

As rutas dos Faros, de Monterrei, Ribeira Sacra Sil e Miño e o Ribeiro-Rías Baixas abren a tempada e xa están á venda os billetes

Xa están á venda os billetes para os Trens das Ruta dos Faros, de Monterrei, Ribeira Sacra Sil e Miño e O Ribeiro-Rías Baixas. Estes itinerarios forman parte do programa de Trens Turísticos de Galicia, iniciativa posta en marcha por Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE).

A Ruta dos Faros ten a saída en Ferrol, con posibilidade de facer achegamento en autobús desde A Coruña. Desde aquí visitaranse varios puntos clave da costa norte da comunidade. Así, o percorrido leva ata Cabo Ortegal, a Serra da Capelada, Santo André de Teixido, Ortigueira, Viveiro e Estaca de Bares, pasando por distintos faros, cantís e miradoiros. A ruta foi recoñecida recentemente co premio ‘Tourism-Friendly’ na categoría de viaxes de curta distancia, convocado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).

A Ruta de Monterrei inclúe percorrido guiado polo Castelo de Monterrei, visita á bodega Terras de Gargalo e ao Ecoespazo do Rexo, ambos con degustación, e paradas en Verín, Allariz e outros destinos culturais. Con saída desde Ourense, ofrécese a posibilidade de achegarse á localidade en tren desde Vigo e Santiago.

Publicidad

A reserva dos billetes pódese facer a través da web de Renfe. En concreto, os itinerarios que xa se poden adquirir son as saídas do 6 e do 20 de xuño, as do 4 e 18 de xullo da Ruta dos Faros e a do 4 de xullo da Ruta de Monterrei. Está previsto que a dos Faros faga dúas saídas más, o 29 de agosto e o 26 de setembro, mentres que a de Monterrei sairá tamén o 29 de agosto. Estes percorridos poranse á venda en próximas datas.

No caso dos billetes para as Rutas da Ribeira Sacra (Sil e Miño), están á venda para as saídas do 6, 13 e 27 de xuño e 11 de xullo e no do Ribeiro-Rías Baixas, para a viaxe que terá lugar o 18 de xullo.

Nos vindeiros días, ademais, RENFE porá á venda billetes outras rutas con saídas dende Ourense como é o caso da Ruta de Valdeorras. De momento poderanse adquirir os itinerarios programados ata o 1 de agosto, posto que está previsto un cambio nos trens cos que se fai achegamento. Tras confirmarse estas modificacións, sairán á venda o resto de percorridos.

Iniciativa consolidada

Os Trens Turísticos de Galicia constitúen unha das propostas máis exitosas na programación turística en Galicia. A tempada 2026 iniciouse, como é habitual, coa Ruta da Camelia en Flor, que fixo dúas saídas en marzo con todos os billetes vendidos. Este itinerario aproveita a época de floración da camelia, flor senlleira de Galicia, para realizar un percorrido por distintos pazos e xardíns da comunidade. En total, para 2026 ofertaranse un total de 2.530 prazas, repartidas en 13 rutas e 33 saídas.

En 2025, a programación de Trens Turísticos cubriu máis dun 92% de ocupación, con varias rutas rozando o cheo. A iniciativa, que se celebra desde 2013, preséntase como unha proposta única, na que potenciar a sustentabilidade, a desestacionalización do destino e a redistribución territorial da oferta, en liña coa Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia. 

A programación completa dos Trens Turísticos de Galicia para 2026 pódese consultar na web de Turismo de Galicia.