Unha moción do BNG para recuperar a toponimia orixinal das rúas foi aprobada no pleno do Barco

Publicidad

O grupo de goberno dixo que xa se está desenvolvendo un traballo en tres fases con instalación de rótulos cos topónimos en distintos núcleos do concello e que tamén se dará nome ao estadio municipal de Calabagueiros

A Corporación municipal do Barco aprobou por unanimidade de todos os grupos unha moción do BNG para colocar un letreiro no campo de fútbol co nome de Calabagueiros; instalar á entrada de Viloira, logo da ponte de San Fernando, un letreiro co nome de Viloira; corrixir e normalizar lingüísticamente os letreiros que afectados pola mestura lingüística hai nalgunhas rúas do concello, como por exemplo están na: Calle del Chao, Calle de la Veiguiña, Calle de Penaguillón, Calle de Vicente Risco…, adaptándoos á Lei de Normalización Lingüística; normalizar os letreiros das rúas que están en idioma castelán para adaptalos á Lei de normalización lingüística, como por exemplo o da Calle de las Arenas, e repoñer outros letreiros que están en galego, pero a placa moi deteriorada, por exemplo Rúa do Salgueiral.

O concelleiro nacionalista Manuel Agra Villar dixo que para conservar e protexer unha lingua, ten unha gran importancia utilizar os topónimos orixinarios. «Trátase de recuperar os nomes orixinais, mais que de galeguizar».

A concelleira do PP, Maite Estévez Santalla, xustificou o voto a favor sinalando a necesidade de repoñer letreiros alá onde están deteriorados.

Publicidad

Traballo en tres fases

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, fixo balance do traballo do Concello do Barco para a normativización da toponimia. Citou como exemplo Vilanova e A Proba. Expresou que a tarefa de corrección de nomes e instalación de letreiros desenvólvese en tres fases pois «é un traballo moi grande. Fíxose en moitos lugares e quedan pendientes outros», precisou.

Tamén lembrou que cando se colocan placas estase incluindo, onde é de interese, unha lenda do que significa o lugar ou quen foi o persoeiro da rúa. «Temos placas onde si se lle cambiou o nome da rúa se fai referencia ao antigo nome para que quede constancia».

Ademáis, dixo que na próxima comisión falarase do nome do campo de fútbol de Calabagueiros. «Viñeron varias propostas de nomes. Queremos levalo a comisión para que o nome sexa consensuado», suliñou.

En canto a colocación dun rótulo en Viloira, Pizcueta indicou que é necesario. «Falaremos co Ministerio de fomento e dáremoslle un prazo prudencial e se non poñen, farémolo nos», concluiu.