O Inorde e A Veiga invitan a visitar a Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca

Publicidad

Se desenvolve esta fin de semana e supón toda un homenaxe as orixes do rural, as raíces, os gandeiros e aqueles que dan vida a os pobos

A Veiga está a homenaxear as orixes do rural na I Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca a través dun completo e variado programa de actividades deseñado para todos os públicos que ten como obxectivo reivindicar a capacidade agrogandeira desta zona ourensá, así como poñer en valor os traballos tradicionais da nosa terra: a gandería, a agricultura e os oficios ancestrais.

A xerente do Inorde, Emma González; e o alcalde da Veiga, Juan Anta, foron os encargados de inaugurar hoxe a Exposición cun percorrido polos diferentes stands dos gandeiros e produtores que esta fin de semana se concentrarán neste evento trala actuación da Real Bandas de Gaitas da Deputación de Ourense.

Entre os asistentes estiveron, ademais de Emma González e Juan Anta, o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández; o concelleiro de Turismo de O Barco, Lalo Santos e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, entre outros.

Publicidad
Publicidad

O Inorde organiza co Concello da Veiga esta iniciativa na que participa cun stand no que están presentes catro razas autóctonas (cabra galega, ovella galega, porco celta e pita de mos), así como o Centro Agrogandeiro, que dará a coñecer as distintas actividades que alí se desenvolven para achegar ao público asistente o traballo que realiza este organismo a prol do sector primario da provincia.

Emma González felicitou ao Concello da Veiga por desenvolver este iniciativa que “reivindica a importancia desta comarca como unha das principais áreas produtoras de gando vacún de Galicia” e que “as administracións deben promover para contribuír, a través delas, a fixar poboación e xerar oportunidades no rural apostando polo sector primario, clave no desenvolvemento social e económico dun territorio como o noso”.

Publicidad

Así mesmo, a xerente do Inorde destacou o impacto positivo que “ten o sector gandeiro na sustentabilidade dos territorios na medida en que contribúe ao axeitado mantemento de montes e terras”.

Pola súa parte, o alcalde da Veiga, Juan Anta, quen agradeceu ao Inorde o seu apoio e traballo para poder desenvolver un evento desta magnitude, dixo que a Exposición nace co obxectivo de homenaxear “aos gandeiros, aos emigrantes que levan moito tempo sen ver isto, e a todos aqueles que traballaron e loitaron para poder vivir do gando, da agricultura e dos oficios ancestrais. En definitiva, é unha homenaxe ás nosas raíces”.

O amplio programa inclúe paseos a cabalo, charlas, gastronomía, oficios tradicionais, catas de queixos e de viños e outras actividades

As actividades da Exposición comezaron trala inauguración oficial coa saída dos bois xunguidos do gandeiro Mario Nogueira desde o Coiñedo ata o centro da localidade, continuando cunha charla da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, impartida por Laura Aurias González, secretaria executiva de Acruga, no Coiñedo. A esa mesma hora, ás 13.00, houbo unha actividade dirixida ao público infantil da Exposición, concretamente unha cata de meles de Galicia impartida por Beatriz Ríos, técnica da IXP Mel de Galicia, no Centro de Desenvolvemento Rural da Veiga.

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, haberá paseos a cabalo para todos os públicos a cargo de Alba Fariñas, no Coiñedo. Posteriormente, será a quenda para a Federación de razas autóctonas de Galicia-Boaga, que ofrecerá unha charla impartida polo director de dita entidade, José Ramón Feijóo.

Trala charla, volverá Mario Nogueira a centrar todas as miradas dos asistentes coa súa saída dos bois xunguidos e, ás 18.00 horas, haberá un espectáculo ecuestre “Nieve Negra”, a cargo do Centro Ecuestre Mirantes, no Coiñedo.

Publicidad

Ás 19.00 horas celebrarase unha cata de viños das Denominacións de Orixe de Galicia a cargo de Dona Branca no Coiñedo, que poñerá o broche final á primeira xornada festiva da feira.

A partir das 20.30 horas, será a quenda para a música cun concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre na praza do Toural, ás 20.30 horas.

Ao día seguinte, o domingo, a feira abrirá a partir das 11.00 horas coa recuperación do oficio tradicional da Malla, na praza do municipio. Así mesmo, haberá un espazo dedicado á gastronomía a partir das 11.30 horas cun showcooking a cargo do xefe de cociña do hotel Oca Villa de Allariz, Gerson Iglesias, e outro ás 18.00 horas a base de produtos locais protagonizado polo chef do Castelo de Maceda, Carlos Parra, así como unha cata de queixos a cargo de Queixos Montaña de Entrimo, no Coiñedo, a partir das 13.00 horas.

Paralelamente, no centro da localidade haberá durante todo o fin de semana, exhibición dos oficios tradicionais galegos: cesteiros, realización de bombos e outros instrumentos musicais tradicionais, elaboración de augardente, zoqueiro, tecedoira, xoias tradicionais, entre outros moitos oficios.

Así mesmo estarán presentes durante todo o fin de semana, xunto ao stand do Inorde, expositores de gandería, de maquinaria agrícola, stands de información de Acruga e Boaga, stands de produtores agrícolas locais e do sector primario (mel, faba, castañas, viño, queixos…). E, para os máis cativos haberá un rocódromo inchable xigante e outras atraccións ambos días da Exposición, que xunto co toro mecánico que estará o domingo, amenizará o evento entre o público infantil.