O Centro de Saúde do Barco recibe premio á mellor iniciativa innovadora, un dos 11 plans locais galardonados en Galicia

Publicidad

Sanidade valorou o proxecto de atención comunitaria “Humanizando e achegando a atención primaria aos nenos: coñece o teu centro de saúde”

Os Servizos de Atención Primaria ourensáns do Barco, de Castro Caldelas e o de A Cuña reciben distincións pola súa vocación pola comunidade, na que se prima a integración dos Centros de Saúde no tecido social. O Barco acadou o premio á mellor iniciativa innovadora, Castro Caldelas o galardón á accesibilidade no medio rural e A Cuña foi distinguido pola dimensión de procesos.

A Consellería de Sanidade premiou onte os plans locais de saúde de 11 centros galegos e entre eles tres que pertencen á Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras o que supón un importante recoñecemento ao traballo diario dos profesionais sanitarios e non sanitarios da Atención Primaria da nosa provincia.

Os galardóns concedidos divídense en nove categorías: iniciativa innovadora, investigadora, dimensión comunitaria, atención á cronicidade, dimensión profesional, atención domiciliaria, dimensión de procesos, accesibilidade e actividade no medio rural e excelencia.

Publicidad

Os Plan locais de saúde son instrumentos vivos, abertos e participativos que facilitan o desenvolvemento dun novo modelo de atención primaria, con vocación pola comunidade, na que se prima a integración do Centro de Saúde no tecido social, coñecendo ás asociacións de veciños, ás farmacias comunitarias, aos colexios e ás residencias sociosanitarias, ademais dos servizos dispoñibles nos barrios e os concellos para, entre todos crear sinerxias de protección e coidado da saúde.

O Servizo de Atención Primaria de O Barco acadou a máxima distinción na categoría de mellor iniciativa innovadora co proxecto de atención comunitaria “Humanizando e achegando a atención primaria aos nenos: coñece o teu centro de saúde” que xurdiu da inquietude dun grupo de profesionais co obxectivo de reducir o medo e a ansiedade dos nenos cando acoden a un centro sanitario. Esta iniciativa xa foi levada a cabo o pasado ano nos Centros de O Barco, O Carballiño e Bande e terá continuidade en varios centros da provincia durante o presente ano.

O premio o recolleu a Coordinadora de enfermaría, Isabel Navarro González, en representación dun equipo multidisciplinar que implica a médicos, persoal de enfermaría, matronas, traballadores sociais, nutricionistas, fisioterapeutas, odontólogos, hixienistas dentais, técnicos de radioloxía, persoal da limpeza ou a profesionais en formación (MIR, EIR). O obxectivo desta iniciativa e o de establecer unha relación de confianza e converter a experiencia da visita ao centro de saúde en algo positivo sendo tamén unha forma de que coñezan dunha forma divertida o traballo de todos os profesionais de atención primaria e poidan familiarizarse tamén co distinto instrumental.

O Servizo de Atención Primaria de A Cuña acada unha nova distinción ao ser premiado nesta ocasión na categoría de “Dimensión de Procesos” no que se tiveron en conta vinte e nove indicadores distintos que valoran aspectos como a xestión de axendas, a accesibilidade, a capacidade resolutiva ou a prescrición farmacolóxica entre outras. Ademais de potenciar o valor do equipo, destacando fortalezas, como a da organización e desenvolvemento dos diferentes procesos asistenciais, a conexión fluída entre os profesionais da atención primaria e a hospitalaria ou a potenciación do papel da primaria como referentes do coidado e seguimento dos pacientes crónicos. O premio o recolleu a coordinadora de enfermeira Rosa Salgado Ferreiro, recentemente xubilada, en recoñecemento ao traballo de equipo do Centro de Saúde.

O Servizo de Atención Primaria de Castro Caldelas acadou a súa distinción de “Accesibilidade e actividade no medio rural” nunha categoría que valora o achegamento dos usuarios cara o sistema sanitario nas zonas rurais de Galicia, a implementación dos programas de saúde entre a poboación e a posta en valor de todo o equipo profesional na asistencia diaria. O galardón foi recollido por Carlos Moral paredes, Xefe de Servizo de Castro Caldelas.

Entrega de premios

No acto, o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, quen estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, felicitou aos profesionais dos servizos premiados: A Estrada, Sárdoma (Vigo), Vilanova de Arousa, Os Mallos (A Coruña), O Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, Virxe Peregrina (Pontevedra), Mondoñedo, Illas Canarias (Lugo), Cedeira e Mariñamansa (Ourense), remarcando, na súa intervención, que os plans locais de saúde reflicten o compromiso dos grupos de traballo de cada servizo de atención primaria.

Trátase, -proseguiu o conselleiro-, de equipos multidisciplinares integrados por persoal médico, de enfermería, pediatras, odontólogos e hixienistas dentais, así como persoal de nutrición, fisioterapia, farmacia, traballo social, saúde da muller ou de xestión. O éxito do seu traballo redunda no fortalecemento da atención primaria, -dixo Comesaña-.

Para o máximo responsable do Sergas, os plans locais de saúde dan paso a unha mellor organización do traballo e ao desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde co obxecto de que os traballadores de cada centro participen en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía.

Radiografía da saúde da veciñanza

Na súa intervención no acto, o conselleiro remarcou que cada plan inclúe un conxunto de accións definidas por parte dos responsables dos servizos de atención primaria e, pola súa parte, as xerencias das áreas sanitarias adquiren un compromiso de colaboración e soporte, o que supón que estes plans son a mellor radiografía da saúde da veciñanza de cada unha destas localidades.

Tal e como incidiu Comesaña, a posta en marcha destes plans deriva en melloras na xestión da demanda, eficiencia, seguridade, aprendizaxe, innovación e motivación, ademais de avances na prevención e na atención ao paciente crónico e a do domiciliario. Ao respecto sinalou que os usuarios de todas as áreas sanitarias valoran os servizos con plans locais de saúde cun sobresaliente, de acordo coas enquisas realizadas pola Consellería de Sanidade.

O conselleiro tamén destacou outras medidas postas en marcha polo seu departamento para poñer ao paciente no centro do sistema e que permiten garantir unha mellor asistencia sanitaria, entre as que citou a Estratexia de Saúde de Galicia 2030 ou a de Economía Circular.

Comesaña dixo que estes plans locais marcan unha folla de ruta que está a ser axente de cambio na atención primaria, e que levará ao seu departamento a mellorar a saúde da poboación e a eficiencia do servizo, ademais de incrementar a satisfacción dos profesionais e a calidade da experiencia do paciente.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro reiterou o agradecemento aos profesionais da sanidade e aos axentes sociais pola posta en marcha destes plans, que están a posibilitar a mellora da calidade asistencial dos doentes, ademais de reducir a incidencia das patoloxías máis prevalentes en cada concello, así como tecer redes de colaboración integrando o centro sanitario coa súa contorna en beneficio da saúde da poboación.

Pola súa parte, a directora xeral de Planificación Sanitaria, Sofía López Linares, destacou a posta en marcha e consolidación dos 71 plans locais de saúde que hai neste momento, 28 dos cales iniciaron a súa andaina en xaneiro deste ano. En total representan xa a día de hoxe o 50% dos servizos de atención primaria de Galicia.