O Bolo homenaxea ao médico Sebastián Ricoy Otero nas Ermidas (O Bolo)

Diseño sin título - 1
Publicidad

É un dos actos incluidos na Festa da Vitela que se celebra nesta xornada con feira de produtos tradicionais e comida popular

Este ano o Concello do Bolo fai unha nova homenaxe a un veciño dentro da Festa da Vitela, nesta ocasión ao médico Sebastián Ricoy. O ano pasado iniciaron esta actividade de agradecemento e o primeiro homenaxeado fora o alcalde de 1979 a 1987, Félix Enríquez Vega, impulsor da construción do colexio CEIP do Bolo no 1981. Este sábado, día 19, o homenaxeado será o médico, Sebastián Ricoy Otero. O acto farase ás 12 do mediodía diante da casa onde naceu nas Ermidas.

Sebastián Ricoy Otero naceu nas Ermidas no ano 1906. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o título de Licenciado en Medicina e Cirurxía o 11 de xuño de 1932. Foi médico de Atención Pública Domiciliaria durante toda a súa vida, ininterrompidamente, no Concello do Bolo. Sendo médico no Bolo, ante a escaseza de recursos sanitarios existente naquel tempo, coidou tamén da saúde dos veciños das aldeas próximas do Concello de Manzaneda. Era médico xeral, mais atendeu tódolos procesos, incluídas fracturas e partos. Finou o 27 de novembro de 1997.

Feira de produtos tradicionais

Publicidad

Ademais do acto de recoñecemento ao médico das Ermidas, tamén haberá nesta edición da Festa da Vitela, unha nova feira de produtos tradicionais. Serán 15 postos instalados nunha carpa diante do pavillón polideportivo con obxectos de artesanía, doces, viño, aceite e mel. Estarán abertos dende as 11 da mañá ata pola tarde.

A comida da Festa da Vitela empezará ás dúas da tarde e nela degustarase a tradicional vitela con patacas e chourizo e acompañada de sopa e sobremesa.

Estoupa do Xudas nas Ermidas

A actividade festiva continuará o domingo, día 20, na área recreativa do Bibei nas Ermidas coa II Estoupa do Xudas. A recuperación desta tradición levará un ano máis á queima do boneco do Xudas nun acto que se fará antes da misa na beira do río Bibei. O ano pasado contou con moita asistencia de público. Este ano haberá espazo para comer e beber durante a mañá na mesma área recreativa. Ademais proxectaranse imaxes de como se leva recuperado a tradición do Xudas.

PROGRAMA DE ACTOS DOS DÍAS 19 E 20 DE ABRIL NO BOLO

19 abril 2025: XV Festa da Vitela

  • 11 horas: Apertura Feira de produtos tradicionais no entorno do pavillón
  • 14 postos: mel, queixos, artesanía variada, panadería, embutidos
  • 11 a 14 horas: Apertura especial Museo Yosso. Prezo especial: 1€
  • 12 horas: Homenaxe ao médico das Ermidas, Sebastián Ricoy Otero
  • Lugar: casa do médico nas Ermidas
  • 14 horas: Comida XV Festa da Vitela no pavillón.
  • Menú: Sopa, carne de tenreira, patacas e chourizos, sobremesa e café
  • 17 horas: Música con Dj Josete na carpa

II ESTOUPA DO XUDAS

Domingo, 20 abril

  • Lugar: Área recreativa do Bibei nas Ermidas
  • 12:30 horas: Estoupa do Xudas
  • Ambientación musical, bar e pulpeira
  • Proxección audiovisual: Recuperando a tradición da estoupa do Xudas