Xosé Merelles visitou o municipio onde destacou a importancia que ten a actividade turística no rural para dinamizar o desenvolvemento económico de Valdeorras
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá o concello do Bolo, concretamente o entorno do castelo e o Santuario das Ermidas, nos que a Xunta de Galicia ven de invertir uns 55.000 euros, no primeiro caso para dotar de aseos á fortaleza nunha edificación emblemática agora restaurada, e no que se refire ao nomeado templo, na recuperación de obras artísticas de interese. O obxectivo é seguir impulsando as visitas a un dos concellos de Valdeorras referente no eido patrimonial.
Durante a súa visita, Xosé Merelles destacou «a importancia da actividade turística no rural capaz de dinamizar o desenvolvemento económico desta contorna e xerar riqueza e benestar entre a cidadanía».
Xosé Merelles visitou en primeiro lugar a actuación realizada no Castelo do Bolo que permitirá incrementar os servizos aos visitantes do espazo. A actuación consistiu no reacondicionamento dunha edificación destinada a lavadoiro para a súa adaptación de cara á prestación de servizos a usuarios e visitantes do Castelo. Turismo de Galicia investiu nesta actuación un total de 30.000 euros financiados no marco da convocatoria pública dirixida a concellos de menos de 10.000 habitantes, que xa beneficiou a 65 concellos galegos, á que se destinou un total de 2M€.
Xosé Merelles sinalou que «é unha obra que mellora a experiencia da xente que visite o castelo. Aproveitando unha edificación de pedra que levaba aiquí moito tempo construíronse aseos, un servizo que implementa a visita como gran polo de atracción de Valdeorras e a provincia de Ourense». Felicitou ao alcalde, Miguel Ángel García, e o ex alcalde, Alberto Vázquez pola aposta por mellorar os servizos do castelo. «É un exemplo de reutilización dun edificio, un lavadoiro, que xa estaba aiquí e unha posta en valor do patrimonio», concluiu.
Visita ao Santuario das Ermidas
A continuación, o director de Turismo de Galicia visitou o Santuario da Nosa Señora das Ermidas onde supervisou a restauración de varias obras artísticas ubicadas no seu interior que contaron co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, interveuse no Retablo do Camarín así como en catorce obras pictóricas en 2024 e neste 2025. Entre eles, restauráronse os retratos de San Vicente Ferrer e o bispo Antonio Senso Lázaro. O Retablo do Camarín data de época barroca, mentres que os cadros restaurados son dos séculos XVIII e XIX.
O director de Turismo de Galicia destacou que Valdeorras ten moitos recursos turísticos sendo O Bolo un dos polos máis importantes da comarca co seu castelo e o Santuario das Ermidas, que axuda a que a comarca teña maior proxección turística.
Indicou que se fixeron neste municipios varias actuacións que revalorizan estes dous elementos referente do patrimonio arquitectónico do Bolo. Así o Castelo do Bolo data do S. XII e S. XIII, e acolle un centro de interpretación que narra a evolución do castelo desde a súa orixe ata a actualidade. Na contorna do castelo celébrase a Feira Irmandiña, que este ano alcanzou a terceira edición.
O Santuario das Ermidas foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en 2006. É unha xoia do barroco galego e un dos principais santuarios marianos de Galicia xunto ao de Muxía. «Os dous recursos son unha clara aposta da Xunta por un turismo auténtico que amose aos visitantes a singularidade do destino», afirmou.
Ademais, Xosé Merelles destacou que o seu departamento leva investidos máis de 2,8 millóns de euros nesta comarca entre 2024 e 2025 impulsando o enoturismo da zona, mellorando a seguridade do Camiño de Inverno e os recursos turísticos de Valdeorras. Tamén subliñou melloras nos concellos de O Bolo, Larouco, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e Petín, que optaron a línea de subvencións destinadas aos concellos de menos de 10.000 habitantes.
Finalmente, o director de Turismo, referiuse aos datos turísticos da provincia de Ourense que indican que de xaneiro a outubro deste ano recibiu a visita de máis de 289.000 viaxeiros que fixeron 560.658 noites en establecementos hoteleiros. Salientou ademais o incremento rexistrado en turistas internacionais que medraron o 5,5%.












